[Actualizado a 27 de xaneiro de 2023]
A pesar da popularidade do lavalouza, o vertedoiro segue xogando un papel esencial na cociña, e é, xunto ao mesado, unha das áreas de maior uso. Para preparar os alimentos, para lavar os utensilios de cociña, para limpar froitas e verduras ou para coar a auga sobrante tras cociñar determinados pratos… está claro que o vertedoiro ten que ser ante todo funcional.
Pero iso non debe facer esquecer a parte estética, xa que o vertedoiro tamén contribúe a dotar de personalidade este espazo da casa, ao situarse sempre nunha zona central. Na actualidade existen numerosos tipos de vertedoiros distintos, que se adaptan a diversos usos e, sobre todo, estilos.
A chave, polo tanto, está en elixir o vertedoiro que, pola súa forma, material, medida e cor, máis se axeita a cada cociña. Que aspectos se deben ter en conta para logralo?
Tipos de vertedoiro: baixo mesado ou sobre mesado
O primeiro que hai que decidir é se se desexa un vertedoiro baixo mesado ou sobre mesado, xa que ambos teñen as súas vantaxes e inconvenientes.
Vertedoiro baixo mesado
O vertedoiro baixo mesado é aquel que se coloca co borde por debaixo da superficie de traballo. Esta tipoloxía non só non resta nin un centímetro de espazo da zona de preparación dos alimentos, senón que ademais visualmente dá sensación de continuidade, ao non ser necesarias xuntas nin separacións de ningunha clase.
O seu único inconveniente é que non son axeitados para superficies con materiais menos resistentes á auga, como pode ser a madeira. Tampouco se adoitan aconsellar con mesados porcelánicos, xa que poden resultar fráxiles nos cantos.
Vertedoiro sobre mesado
Os vertedoiros sobre mesado, pola contra, son compatibles con mesados de calquera material, e levan a cubeta encastrada coas solapas por encima. Son, polo tanto, máis versátiles, pero hai que ter coidado e realizar unha boa instalación, porque se non se corre o risco de que se note a silicona e que a sensación sexa menos diáfana.
Material do vertedoiro
A elección do material do vertedoiro, igual que a colocación sobre ou baixo mesado, non se pode tomar de forma illada, senón que depende estreitamente do material do mesado. E é que á hora de deseñar unha cociña, todos os elementos están interrelacionados, sobre todo se se busca un acabado harmónico e esteticamente agradable.
Vertedoiros de aceiro inoxidable
Na actualidade, os vertedoiros de aceiro inoxidable son os máis populares polo seu aspecto moderno, hixiénico e profesional.
Con mesados de pedras naturais, como mármore ou granito, adóitase optar por estes vertedoiros baixo mesado e, ademais, é tendencia gravar o escurridor na propia pedra (mentres que antes se adoitaban acompañar as cubetas co propio escurridor igualmente en aceiro inoxidable). Tamén se están poñendo moito con superficies laminadas, pero nese caso sobre mesado, tal e como vemos na imaxe seguinte.
Entre as vantaxes deste material, destaca a facilidade de limpeza e a súa resistencia ao calor, á corrosión e aos golpes, o que asegura unha alta durabilidade. Ademais, existe unha gran variedade de deseños, polo que é posible adaptalos a cociñas de calquera estilo.
Vertedoiros de resina
Os vertedoiros sintéticos de resina son moi empregados para acompañar os mesados laminados. Ao estar compostos en gran parte de pedra natural, teñen un tacto moi atractivo, e están dispoñibles nunha gran variedade de cores (o que supón unha vantaxe importante respecto aos de metal). Así, cando o mesado é liso pódese pór un vertedoiro da mesma cor e textura, o que axuda a contrarrestar o efecto “corte” entre ambos elementos, e visualmente dan moito xogo. Tamén precisan un mantemento sinxelo e son resistentes á calor e ás manchas, pero menos que os de aceiro inoxidable, polo que hai que ser máis coidadosos.
Vertedoiros de corian e krion
Os vertedoiros de Corian e Krion (dúas marcas dun material coñecido como Solid Surface, que se obtén da mestura de minerais e polímero acrílico) úsanse sobre todo acompañando os mesados dese mesmo material, formando así unha única peza que axuda a dotar de maior continuidade á zona de traballo da cociña.
Igual que outros vertedoiros de resina, preséntanse en todo tipo de cores, polo que aportan moita versatilidade. Ademais a limpeza é moi sinxela e son bastante resistentes.
Vertedoiros de cerámica
O rústico agora é moderno, e as cociñas non viven alleas a esta tendencia. Por iso os vertedoiros de cerámica branca están rexurdindo con forza, especialmente en casas de campo ou en cociñas cunha estética máis clásica. Búscase o encanto das piletas antigas, habitualmente deixando o frontal tamén visible.
O obxectivo nestes casos é dar protagonismo á propia peza de cerámica, pero ademais do seu valor ornamental, tamén aportan resistencia ao calor e aos arañazos, e manteñen o brillo impoluto durante moito tempo. Porén, é máis complicado evitar as manchas a longo prazo, e tamén hai que saber que se poden chegar a romper se sofren un golpe moi forte.
Formas dos vertedoiros
Os vertedoiros de aspecto angular, que tenden a formas máis cadradas ou rectangulares, son agora moi demandados. Pero máis alá da forma da cubeta, outras cuestións que se deben examinar son o incorporar ou non escurridor, ou a preferencia por unha cubeta grande ou por dúas máis pequenas.
Vertedoiros cadrados
Os vertedoiros cadrados ou rectangulares son os máis usados. Mentres nas cociñas clásicas se dá prioridade a aqueles con bordes redondeados, a tendencia actual é elixilos con esquinas case en ángulo recto, o que ofrece un acabado moderno e contemporáneo.
Con escurridor
O escurridor é esencial cando non hai lavalouza na cociña, pero pódese prescindir del cando non se lava moito a man, e ademais a zona de traballo é reducida.
Aínda que antes todos os vertedoiros incluían escurridor, hoxe é máis frecuente atopar pezas que non contan con este elemento, o que axuda a integrar o vertedoiro na cociña. Porén, existe outra opción para lograr ese efecto, que é gravaro no mesado, en lugar de poñelo do mesmo material que a cubeta.
Vertedoiro dobre para a cociña, si ou non?
Igual que co tema do escurridor, todo depende do uso que se lle dea ao vertedoiro. Se se lava a louza a man a diario, ter dúas cubetas é más práctico, pero como hoxe case todos os fogares contan con lavalouza, adóitase preferir unha cubeta ampla, onde poida caber por exemplo unha fonte grande, a contar con dous senos máis reducidos. En calquera caso, nunha cociña grande pode ser boa idea optar por un vertedoiro de dobre seno, xa sexa baixo mesado, como vemos na imaxe superior, ou sobre mesado.
Medidas do vertedoiro
Como diciamos, a tendencia é decantarse por vertedoiros cunha única cubeta, pero ampla, de como mínimo 45 cm, pero mellor aínda se é de 50 cm.
Vertedoiros grandes para cociñas
Tamén se ven cada vez máis lavabos de cociña grandes con cubetas tipo bañeira, con dimensións de 70 cm, que son idóneas cando se propón unha peza de carácter, por exemplo de cerámica e aspecto vintage. Estas últimas non son exclusivas de grandes cociñas rústicas, senón que empezan a ser habituais tamén en outras de aspecto moderno e minimalista.
Vertedoiro de cociña pequeno ou estreito
Se contamos cunha cociña de dimensións reducidas, na que todo está medido ao centímetro para lograr o máximo espazo de traballo e almacenamento, pode ser conveniente elixir vertedoiros máis pequenos e estreitos, de tan só 30 cm de ancho.
Noutras ocasións, en estancias máis amplas, pódese optar por un vertedoiro estándar con escurridor pequeno para, deste xeito, gañar espazo no mesado. Por outro lado, no caso de cociñas pequenas o máis habitual é directamente prescindir do escurridor ou gravalo no mesado.
Vertedoiro de cociña fondo
No caso da profundidade, o máis habitual é decantarse por unha cubeta cun fondo duns 20 cm. Porén, en cociñas profesionais, pode haber vertedoiros profundos de ata 50 cm, onde é máis cómodo lavar potas e tarteiras grandes.
Vertedoiros de cociña modernos, que cor elixir?
Como xa vimos, na actualidade existen infinidade de cores nas que se pode realizar o vertedoiro, pero o certo é que na inmensa maioría dos fogares seguimos atopando a gris propia do aceiro inoxidable (ocurre o mesmo nas billas). Porén, branco e negro comezan a gañar terreo, especialmente nas cociñas de estética contemporánea, nas que o vertedoiro busca integrarse no mesado.
Vertedoiro branco para a cociña
Se o mesado da nosa cociña é branco, combinar o vertedoiro con el pode ser unha moi boa opción. Na imaxe superior podemos ver a luminosidade que aporta o vertedoiro branco baixo mesado, totalmente integrado na superficie de traballo.
Vertedoiro negro para a cociña
No extremo oposto atopariamos esta proposta, un vertedoiro negro que aporta sofisticación e moito carácter á cociña.
Moble baixo vertedoiro
Por último, convén analizar tamén o moble que irá baixo o vertedoiro, xa que debe proporcionar unha zona de almacenaxe cómoda onde gardar os trapos, as pastillas do lavalouza e outros utensilios de limpeza, de forma que se acote a zona de lavado dentro da cociña.
Así, o máis funcional, independentemente do tamaño da cociña, é poñer baixo a pileta un portavertedoiro que oculte no interior unha distribución práctica orientada á clasificación de residuos e á almacenaxe dos produtos de limpeza.
En definitiva, para elixir o vertedoiro axeitado, hai que contemplar sobre todo as necesidades, gustos e estilo de vida de aqueles que o van usar. Por iso en Santiago Interiores realizamos proxectos personalizados, adaptados a ti. Reserva a túa cita para asesorarte co noso equipo de interiorismo, que te axudará a facer realidade a túa cociña.