O calendario de Santos quere adozarnos o mes de maio con esta receita de Tarta de queixo con glaseado Butterscotch. Tan bonita como deliciosa, é ideal para ofrecer nunha merenda acompañada cun bo café ou un té.
Á vista destacan as súas dúas liñas cor moka. A de abaixo, de galleta, e a de arriba, feita a base de manteiga e azucre moreno, unha preparación que se coñece como Butterscotch. Ao padal, sorprenderache a súa textura suave e delicada e o contraste entre os seus diferentes sabores. Queres saber como preparala?
Ingredientes
- 12 galletas tipo digestive
- 75 g de manteiga
- 700 g de queixo
- 120 g de azucre
- 1 cullerada de esencia de vainilla
- 3 ovos tamaño L
- 80 g de noces picadas
Para o Butterscotch
- 60 g de manteiga
- 45 g de azucre moreno
- 2 culleradas de leite enteiro
- 120 g de azucre glas
- 1 cullerada de esencia de vainilla
Preparación da torta de queixo:
O primeiro que debemos facer é forrar o molde con papel de forno. Nesta receita utilizouse un molde de aproximadamente 20 cm de diámetro. Para a parte inferior recortamos un círculo, e para o borde usamos unha ou dúas bandas de papel da anchura do alto do molde. Para fixar o papel usamos un pincel lixeiramente mollado en aceite.
A continuación trituramos as galletas e engadimos a manteiga derretida. Mesturamos ata conseguir unha pasta, que colocamos no fondo do molde e prensamos cunha culler. Metémola na neveira e esperamos ata que endureza.
O seguinte paso é bater o queixo co azucre e a esencia de vainilla. Imos engadindo os ovos de un en un, e despois incorporamos as noces. Vertemos esta mestura sobre a base de galleta e enfornamos (co forno a 180º e prequentado) durante 45 minutos. Tamén podemos pinchar cunha agulla longa. Saberemos que a torta está lista cando a agulla saia limpa.
Preparación do glaseado Butterscotch:
Poñemos a manteiga, o azucre moreno (que previamente pulverizamos coa axuda dun robot) e o leite nun cazo e levamos a ebulición. Despois apartamos do lume e engadimos o azucre glas e a esencia de vainilla. Removemos cunhas varillas ata que conseguimos unha suave crema.
Cando a torta estea fría, incorporamos por riba o glaseado. Volvemos deixar arrefriar; o ideal sería incluso dun día para o outro.
Desmoldamos e empratamos. O papel de forno produce uns pregos nos laterais da torta que lle dan un aire rústico e caseiro. Para redondear a presentación, podemos engadir un detalle floral.
Convidámoste a visitar o blog ToBeGourmet para ver imaxes do proceso de elaboración e a presentación final desta receita. Bo proveito!