A cociña que realizamos para Casa Escribenta atópase entre os seis proxectos deseñados con mobiliario Santos incluídos no libro Kitchen, the Heart of Home, (A cociña, o corazón da casa), editado por Xu Hongrong, director xeral de Zun-Chu, tenda exclusiva da marca de mobles de cociñas Santos en Taiwán.
Casa Escribenta comparte páxinas con cociñas de España, Costa Rica e Taiwán, entre elas, a da prestixiosa escritora, gastrónoma e viaxeira taiwanesa Ye Yilan. A partir destes proxectos, o libro presenta diferentes opcións de deseño e posibilidades de distribución da estancia. A publicación ten en conta non só aspectos estéticos, senón tamén funcionais, analizando as configuracións e detalles que contribúen a mellorar o día a día na cociña.
Xu Hongrong válese da súa ampla experiencia de máis de 30 anos para realizar unha fotografía da cociña actual e oriental ao lector na definición dun proxecto adaptado ao seu espazo e estilo de vida. Así, o libro pretende servir de guía axudando a responder cuestións necesarias sobre como decidir a distribución ou como seleccionar os mellores accesorios e electrodomésticos. Segundo o autor, para lograr unha cociña que responda ás necesidades dos usuarios é imprescindible humanizar o deseño. Neste senso, un equipamento de alto nivel é tan relevante como un deseño elegante e adecuado aos fluxos e ritmos de traballo e ás rutinas de uso da cociña. Desde a distribución dos mobles ata a organización interna dos caixóns, todo debe estar orientado cara a consecución dun obxectivo primordial: lograr que os usuarios gocen da súa cociña.
En Santiago Interiores compartimos esta filosofía, e por iso, á hora de deseñar a cociña de Casa Escribenta buscamos en todo momento a súa integración nesta singular vivenda, que no ano 2014 foi galardoada co Premio Juana de Vega de Arquitectura, que recoñece proxectos que contribúen a mellorar a calidade paisaxística de Galicia. Cinco patios conectan o interior e o exterior, propoñendo un xogo de volumes no que as grandes ventás e os lucernarios teñen un papel destacado. Sumando beleza e funcionalidade, orientamos a cociña cara a paisaxe rural que rodea a casa, e proxectamos unha gran illa central que articula o espazo e o converte nun lugar acolledor no que gozar de reunións e comidas.
É todo un orgullo que un dos nosos proxectos forme parte deste libro, que conta cunha tirada inicial de 3.000 copias, e que pode conseguirse en librerías e tendas online de Taiwán.