Refrescante, aromática, lixeira, sa… o calendario de Santos propón unha estival receita para o mes de xuño: Sopa fría de cogombro e menta verde.
Planeaches un pícnic? Un día na praia? Unha grellada na terraza? Esta sopa adáptase a calquera plan e é ideal para xantar, cear ou saciar a sede e a fame entre horas. É moi fácil de facer e pode servirse tanto nun bol como nun vaso. Unha alternativa ao gazpacho, igual de deliciosa e fresca. Contámosche como preparala.
Ingredientes
- 2 cogombros
- 1 cebola
- 8 ou 10 follas de menta verde (algunha máis para adornar)
- ½ litro de caldo de polo ou verduras
- Aceite de oliva virxe extra
- Sal
Preparación
Para comezar, picamos a cebola moi fina e a pochamos nunha ola cun pouco de aceite. Unha vez vexamos que está transparente incorporamos o cogombro cortado en toros e cociñamos durante uns dez minutos a lume medio. A continuación, engadimos o caldo e o sal e deixamos cocer durante uns vinte minutos. Retiramos do lume e reservamos ata que estea temperado.
Picamos a menta verde e a engadimos. Trituramos todo cun batedor en máxima potencia. É importante que quede ben fino, polo que, se é necesario, pasamos a mestura por un chino.
Unha vez teñamos a sopa deixámola arrefriar no frigorífico. Se é dun día para outro, o sabor será incluso mellor.
Como toque final, adornamos cunhas follas de menta verde e unhas gotas de aceite de oliva virxe extra. Como consello, resulta máis fácil axudarse dunha culleriña, no canto de facelo directamente desde a botella.
Convidámoste a visitar o blog ToBeGourmet para ver imaxes do proceso de elaboración e a presentación final desta receita. Esperamos que goces da súa preparación e degustación.