En Santiago Interiores temos una obsesión: conseguir espazos prácticos e fermosos. E para iso, debemos prestar atención non só ao exterior das cociñas, senón tamén ao seu interior. Cuberteiros, prateiros, especieiros, bandexas extraíbles… a marca Santos ofrécenos múltiples opcións de accesorios, combinables e intercambiables, para configurar caixóns e armarios ordenados e elegantes. Fabricados con materiais cálidos, resistentes e fáciles de limpar, son os nosos aliados para clasificar ou localizar alimentos e ferramentas de cociña. Posibilitan, así, que os mobles non agochen caos e desorde, senón harmonía e comodidade.
Cales son os teus accesorios de cociña Santos favoritos? Presentámosche aquí algúns dos nosos:
O cuberteiro: comodidade de suave tacto
Os seus compartimentos ofrecen a cada tipo de cuberto o seu propio espazo e, ao ser extraíble, pode trasladarse directamente ata a mesa. Está feito de taboleiro contrachapado de bidueiro, o que lle outorga resistencia e un agradable tacto. Así conseguimos que cada cousa teña o seu sitio, e que os nosos utensilios se conserven en bo estado.
Bandexas e complementos: organizar os caixóns
Os cuberteiros pódense complementar con estas bandexas, tamén extraíbles e intercambiables, que nos axudan a organizar os máis diversos elementos. Utilizámolas, sobre todo, no primeiro caixón dos mobles, seguindo a proxección en tres niveis de cociñas Santos. Así temos a man, e ben clasificados, os utensilios de uso máis frecuente.
Atopar os coitelos máis axeitados para cada tipo de corte é moito máis doado co coiteleiro, e os diferentes condimentos estarán sempre á vista e accesibles co especieiro.
Outro accesorio moi útil para este primeiro nivel de caixóns é a bandexa porta rolos, especialmente deseñada para albergar papel de aluminio, o film transparente e o rodete.
En Santos todo está pensado para axudarte, e por iso, ata a balanza se integra nestas bandexas. Un pequeno electrodoméstico que nos encanta pola súa funcionalidade e pola súa capacidade para adaptarse a este sistema de organización.
Prateiro: orde e resistencia
Conseguir unha vaixela ordenada parece ás veces unha misión imposible, pero o sistema prateiro desenvolvido por Santos axúdanos a conseguilo. O seu deseño adáptase a calquera tamaño de prato ou fonte, e a súa base en taboleiro mariño achega gran resistencia e estabilidade ao propio caixón.
Caixóns: almacenamento eficaz
Para o almacenamento de alimentos, botellas e bricks tamén temos á nosa disposición diferentes solucións. Para gardar froitas e vexetais, así como utensilios de uso cotián, podemos utilizar os caixóns contedores e os caixóns divisores. Para as botellas podemos optar por un separador especial, que evita envorcos e choques.
Táboas: cortes con precisión
As táboas son un utensilio indispensable na cociña, e a de Santos está fabricada en madeira de faia con listóns. Para carnes, peixes e alimentos de gran dureza recomendamos o tallo, realizado en madeira de pradairo.
E para gardalas, o porta-táboas de aceiro inoxidable é un gran aliado, que permite organizar táboas de diferentes tamaños e evita que se movan no caixón.
E para o pan?: paneira e porta-baguette
Para os amantes do pan tamén hai accesorios especificamente deseñados para o seu almacenamento e conservación. A paneira está fabricada en madeira e taboleiro contrachapado de pradairo, e a súa tapa é á vez táboa de corte e recolle migas. Conta cunha reixa extraíble que evita a condensación do pan.
Pola súa parte, o porta-baguette permite ter o pan gardado e sempre a man. Está realizado con tela de algodón, desmontable e lavable.
Botelleiro: bodega para espazos pequenos
E se che gusta ter as túas botellas ordenadas e libres de caídas e golpes, pero non dispós dun espazo para unha bodega, tamén hai unha solución para ti. O soporte botelleiro converte un caixón nun espazo no que poder almacenar os teus viños favoritos.
Solucións imaxinativas, innovadoras, duradeiras e, sobre todo, pensadas para axudarte. Con cal te quedas?