Agora que os días empezan a refrescar, que mellor plan que compartir un bo té e unha deliciosa torta? O calendario de cociñas Santos pónnolo doado, e en setembro achega unha irresistible receita que te convidamos a probar na túa cociña: torta de queixo con arandos. A combinación de ingredientes é deliciosa, e o resultado espectacular, tanto polo seu sabor como pola súa fermosa aparencia.
Esta sobremesa afástase da típica torta de queixo cuberta de marmelada, propoñendo no seu lugar as pinceladas de cor que aportan os arandos da mestura. Estas froitas son, ademais de moi saborosas, moi sas e coñecidas polas súas propiedades antioxidantes.
Esperamos que che guste!
Ingredientes
- 30 g de queixo crema
- 200 ml de nata 35% mg
- 3 follas de xelatina
- 1 iogur natural
- ½ limón
- 50 g de azucre
- 100 g de arandos
- 10 galletas tipo digestive
- 80 g de manteiga
- Esencia de vainilla
Preparación
Para esta receita utilizamos un molde de 18 cm de diámetro. Cun máis grande a torta quedaría máis baixa e serían necesarias algunhas galletas extra e máis manteiga, así como aumentar proporcionalmente o resto de cantidades.
O primeiro paso é elaborar a base da torta. Para iso, esmagamos as galletas e as colocamos nun bol. Despois incorporamos a manteiga derretida e mesturamos cunha culler. Cubrimos o molde con papel de forno e vertemos a mestura. O ideal é utilizar un molde coa base separada do aro, para que sexa máis fácil de desmoldar.
Cos dedos, repartimos a galleta, facendo presión para que quede ao mesmo nivel. Metemos o molde na neveira, e mentres tanto poñémonos coa crema de arandos.
O primeiro que debemos facer é quentar a nata nun cazo. Humedecemos a xelatina meténdoa durante un minuto nun prato cun pouco de auga quente, e a incorporamos tamén. Removemos ata que se disolva e retiramos do lume.
A continuación, pasamos a nata e a xelatina disolta a un bol, no que tamén introducimos queixo, iogur, esencia de vainilla e azucre. Coa axuda dunhas varillas mesturamos todos os ingredientes.
Quentamos os arandos e o zume de limón nunha tixola. Durante uns dez minutos deixámolo a lume medio, ata que vexamos que os arandos están cocidos e comezan a soltar zume. Unha vez estea frío, engadimos a metade dos arandos co seu zume á mestura de queixo. Removemos de xeito suave, e despois incorporamos a mestura á base de galleta.
A fin da receita achégase! Botamos man do resto de arandos e os vertemos por riba procurando que quede “marmoleado”, é dicir, non uniforme, para un resultado máis estético. Para rematar, axudámonos dunha espátula para alisar a superficie.
Agora só nos falta levar a tarta ao frigorífico, e deixala repousar unhas dúas ou tres horas. Unha vez lista, desmoldámola con coidado e presentámola, por exemplo, nun standcake.
Se queres ver máis imaxes do proceso de elaboración desta receita, podes facelo no blog ToBeGourmet. Esperamos que goces das tardes de outono na túa cociña con esta deliciosa torta.