A cociña italiana é moito máis ampla do que ás veces pensamos. Hai vida máis alá da pizza e da pasta e a proposta do mes de outubro do calendario de cociñas Santos vén demostrárnolo cunha receita diferente e exquisita: torta rústica salgada Arcobaleno. Pementos de cores asados, queixo, espinacas e prosciutto forman este arcobaleno (arco da vella) de sabores e cores que fará as delicias dos nosos comensais.
Esta torta salgada rechea de verduras non é unha receita complicada, pero si leva o seu tempo, polo que é ideal para preparar unha chuviosa tarde de outono.
Este prato é ademais moi versátil, pois a torta pode tomarse fría, quente ou morna. Por iso tamén é un gran recurso para un pícnic, unha merenda, ou para deixar lista o día antes.
Anímaste a preparala? Contámosche, paso a paso, como facela.
Ingredientes
- 300 g de espinacas
- 25 g de manteiga
- 100 ml de nata líquida 35% mg
- Un pequeno anaco de queixo parmesano
- 200 g de xamón cocido
- 2 pementos vermellos
- 2 pementos amarelos
- 200 g de queixo en liscos
- 1 xema de ovo
- Sal
- Aceite de oliva virxe extra
Preparación
Para comezar, asamos os pementos. É un proceso que leva un tempo, e, ademais, deberemos arrefrialos despois para poder pelalos e cortalos en tiras. Para iso lavamos os pementos, secámolos, impregnámolos de aceite de oliva e introducímolos no forno a 150º ata que vexamos que a pel está torrada. Cara a metade do enfornado –que pode durar uns 45 minutos– xirámolos para que queden ben asados polos dous lados.
Deixámolos arrefriar, e mentres tanto poñémonos coa masa. Para isto, o primeiro que facemos é peneirar a fariña, e a continuación mesturámola co viño branco e un pouco de sal. Empezamos a amasar. Se vemos que é necesario, podemos engadir un pouco de auga para lograr unha masa elástica que non se pegue ás mans e coa que sexa máis doado traballar. Envolvemos a masa nun film transparente e levamos á neveira, onde deberá estar uns 30 minutos.
Mentres tanto, fervemos as espinacas durante uns 5 minutos nunha pota cun pouco de auga. A continuación escorrémolas e cortámolas. Removemos todo para que quede ben mesturado e salgamos.
Agora si, unha vez fríos os pementos, cortamos en tiras e separamos por cores. Retiramos a masa da neveira, cortámola en dous e estendemos unha das metades nun molde duns 28 cm de diámetro. Xa podemos comezar a crear as capas do recheo: xamón cocido en liscos, espinacas, pemento vermello, queixo en liscos, pemento amarelo, e para finalizar, outra capa de queixo.
Estendemos a segunda metade da masa e cortámola con coitelo en tiras longas. Con elas podemos pechar a torta. Podemos facelo entrelazando as tiras, ou ben colocando primeiro unha fila nun sentido e despois outra cruzada por riba.
Para terminar, usamos xema batida para untar a masa. Así conseguiremos un bonito aspecto dourado para a nosa torta. Enfornamos durante 45 minutos a 180º. E xa a temos! Agora só queda gozala.
Convidámoste a visitar o blog ToBeGourmet para ver imaxes do proceso de elaboración e a presentación final desta receita. Esperamos que goces desta proposta de cociña mediterránea diferente.