A cociña é sempre un lugar perfecto no que compartir momentos. Cunha despensa ben provista conseguiremos improvisar ceas exquisitas e enxeñosas para gozar cos amigos. Incluso a sobremesa –máis alá dos sempre socorridos xeados– se pode preparar de forma sinxela cunha boa selección de produtos. A torta de galletas con crema que presenta o calendario de cociñas Santos para o mes de novembro é un bo exemplo; un proposta doce orixinal e elegante que porá o broche final perfecto a calquera reunión.
Contámosche como preparala.
Ingredientes
- 1 paquete de galletas de chocolate con escamas de sal
- 1 paquete de galletas de manteiga á vainilla
- 200 g de azucre glas
- 60 g de manteiga
- 60 g de queixo crema
Preparación
Comezamos a receita batendo o azucre coa manteiga e o queixo ata conseguir unha crema fina. Levamos a mestura á neveira para que arrefríe, e a mantemos aí durante unha hora. Podemos, por exemplo, facelo ao inicio da cea, así irase arrefriando mentres comemos.
Colocamos unha primeira liña de galletas de chocolate nun soporte de torta.
Cunha manga pasteleira ou unha culler grande engadimos unha capa de crema. Incorporamos outra capa de galletas de chocolate e volvemos cubrir con crema.
A parte superior da torta formarémola con galletas de manteiga. Colocámolas con moito coidado; tamén no centro do pastel, se quedou algún oco. Entre as capas de galletas agregamos máis crema.
Para rematar, podemos darlle un toque especial engadindo unhas pequenas flores. Así, ademais de deliciosa resultará bonita e elegante.
Para servir, comezamos pola parte superior, colocando tres ou catro galletas acompañadas de crema nun prato de sobremesa pequeno.
Se queres ver máis imaxes do proceso de elaboración desta receita, podes facelo no blog ToBeGourmet. Esperamos que goces preparándoa e degustándoa cos teus.