Aos máis pequenos encántalles participar dos labores na cociña, e non hai nada máis divertido (e delicioso) para facer con eles que unhas galletas. Agora que o frío chegou, e co Nadal aproximándose, unha tarde ao calor do forno e co recendo da manteiga enchendo toda a casa soa moi apetecible. Se as galletas teñen, ademais, forma de casa e estimulan a imaxinación, o plan será aínda máis irresistible para os nenos. Apúntaste a unha tarde de repostería cos teus? Se é así encantarache esta receita que o calendario de cociñas Santos propón para o mes de decembro: galletas de casiñas holandesas.
Queres saber como preparalas?
Ingredientes
Para as galletas
- 1 ovo
- 500 g de fariña
- 250 g de manteiga
- 1 cullerada de esencia de vainilla
- 1 chisco de sal
Para a glasa
- 1 clara de ovo ou 4 culleradas de clara de ovo líquida pasteurizada
- 250 g de azucre lustre o azucre glas
- 6 ou 7 gotas de vinagre
Preparación
Para preparar esta receita necesitaremos que todos os ingredientes estean a temperatura ambiente. O primeiro que facemos é bater o azucre e a manteiga ata que conseguimos unha consistencia cremosa. A continuación, incorporamos o ovo batido e a esencia. Batemos ata que todos os ingredientes se integren. Salgamos e pouco a pouco imos engadindo a fariña á mestura.
Colocamos o papel de forno sobre unha bandexa e estendemos un pouco de masa, procurando que o grosor sexa duns 5 mm. Deberemos arrefriar a masa na neveira durante, polo menos, dúas horas. No caso de que dispoñamos de máis bandexas, o ideal é preparar varias, para ter distintas pranchas listas para recortar. Canto máis tempo estea a masa en refrixeración, máis doado resultará cortala.
O paso seguinte consiste en cortar as galletas cun coitelo normal. É un traballo artesanal, pero sinxelo. Non é necesario que as casiñas queden iguais, nin perfectas. Resulta incluso máis bonito que teñan diferentes alturas, anchos, ou incluso que algunha resulte un pouco torta.
Despois enfornamos –co forno prequente– a 180º, durante uns 7 ou 10 minutos. Cando vexamos que as galletas comezan a dourarse lixeiramente, podemos retiralas. Deixamos arrefriar sobre unha grella.
Preparamos a glasa, batendo as claras cun batedor de claras eléctrico. Facémolo durante polo menos dez minutos, e imos engadindo pouco a pouco o azucre glas. Ao final, incorporamos unhas gotas de vinagre. Para poder manexala ben, a glasa debe ter unha consistencia firme, que se coñece como “de pico duro”, similar ao merengue.
Coas galletas xa frías, chega o momento de decorar. Introducimos a glasa dentro dunha manga pasteleira cunha boquilla moi pequena, de 1. Debuxamos sobre as galletas, facendo as ventás, a porta… Este é un momento para deixar voar a nosa imaxinación e pór en práctica a nosa creatividade!
Se queres ver máis imaxes do proceso de elaboración desta receita, podes facelo no blog ToBeGourmet. Esperamos que goces enfornando e decorando as galletas en familia. Tamén son unha fantástica idea para regalar ou para un almorzo de Nadal.