Algúns proxectos demostran que non sempre «Menos é máis», polo menos cando falamos de coñecemento, creatividade e talento. Os arquitectos Alfonso Castro Lorenzo e Álvaro Marín Durán tomaron como partida esta coñecida afirmación de Mies van der Rohe para construír o seu concepto de estudo, a través dun xogo de palabras que define á perfección a súa filosofía: 2es+. En 2009 comezaron a súa aventura, poñendo en común aptitudes e formacións complementarias, baixo o convencemento de que a suma de faceres e disciplinas é esencial no proceso arquitectónico.
Con eles inauguramos a nosa sección de entrevistas, un espazo a través do que descubriremos interesantes aspectos e puntos de vista sobre arquitectura, interiorismo e o mundo da cociña en xeral. Desde a súa oficina en Santiago de Compostela, e sempre desde unha óptica contemporánea, 2es+ realiza obra nova, rehabilitación, deseño de mobiliario, interiorismo e espazos exteriores tanto en obra pública como privada. A súa é unha arquitectura comprometida –coa natureza, co entorno e cos clientes– e profundamente optimista e innovadora. Cada proxecto supón para eles unha nova aventura, que emprenden guiados polos principios da investigación, o diálogo, o compromiso e a fidelidade a un concepto claro.
Falemos do voso concepto. Como definiriades o voso estilo?
Conceptual, abstracto e rotundo.
Desenvolvedes unha arquitectura comprometida, como se plasma ese compromiso?
Efectivamente, a arquitectura que desenvolvemos parte dun compromiso. Un compromiso coa arquitectura e o deseño, coa natureza e o entorno en que se actúa e, por suposto, cos clientes que depositan en nós a súa confianza.
Que outros valores son clave na vosa filosofía de estudo?
Quizais a dedicación coa que afrontamos cada encargo, o compromiso co mesmo e que nos encanta o que facemos.
A luz e o espazo protagonizan os vosos traballos. De que maneira utilizades estes elementos para formular os proxectos?
Afrontamos cada encargo coa intención de que a combinación, utilización e aproveitamento destes factores convertan cada proxecto nunha experiencia única e diferente. Nós entendemos que non se utilizan estes elementos para conseguir unha boa arquitectura, senón que a luz e o espazo son en si mesmos boa arquitectura.
Afirmades que cada novo traballo «supón unha nova investigación, unha nova aventura e cada novo cliente un compañeiro para esta». Cal é o procedemento que seguides desde que xorde a idea inicial ata a fin de obra?
Sempre existe un proceso de coñecemento previo entre nós e os clientes para coñecer as súas necesidades, as súas inquietudes á hora de elaborar o programa de necesidades, os seus anhelos… e isto tanto en obra pública como privada, independentemente da tipoloxía do encargo. Existe pois, un diálogo previo que é moi importante para poder canalizar o proxecto. Á vez, realízase un labor de coñecemento do lugar e de documentación previa fundamental. É neste momento no que comezamos a busca dun concepto global que nos guíe a través de todo o proceso. En canto este concepto se mostra claro, comezamos a traballar no desenvolvemento de todo o proxecto a través de debuxos, maquetas, planos… e, de novo, moito diálogo. O obxectivo é que ao final do proceso, o concepto que orixinou a idea de proxecto, se manteña tan claro como ao principio.
Cal é a vosa relación cos materiais? Con cales adoitades traballar?
Non facemos distincións entre materiais, cremos que todos teñen o seu momento e o seu lugar, iso si, gústanos que se mostren expresivos, coas súas características particulares, virtudes e defectos. Non distinguimos entre materiais bos e malos, senón entre materiais ben empregados e mal empregados.
Finalistas nos XVI Premios COAG de Arquitectura e accésit no Premio Juan de Vega de Arquitectura pola vivenda unifamiliar Choupana House (2015); selección na XIII Bienal Española de Arquitectura e Urbanismo e mención nos Premios de Arquitectura e Rehabilitación de Galicia polo Restaurante Minas de San Finx (2016) … Estes son algúns dos importantes recoñecementos que recibistes. Que supón para vós?
Supón un orgullo e un impulso para a oficina. Que obras nas que nós e os nosos clientes depositamos tanto esforzo e ilusión teñan este tipo de recoñecemento énchenos de orgullo e satisfacción (por nós e por eles) e motívanos para intentar facelo cada vez mellor.
De que proxectos vos sentides especialmente orgullosos?
En xeral, naqueles nos que a relación cliente-arquitecto deu pé a unha amizade.
Un dos vosos últimos proxectos é “Nanín Rehab” –unha impresionante rehabilitación que conta cunha cociña de Santiago Interiores–, que acaba de ser publicada na revista Casa Viva. Como afrontastes este reto de dar un aire completamente novo a unha cada dos anos 70 sen modificar a súa arquitectura?
Neste caso o reto estaba en trasladar as inquietudes duns clientes cunha visión moi clara e contemporánea do deseño, dos espazos e da iluminación nunha arquitectura existente de hai 25 anos. Conseguir que os interiores fosen máis luminosos, os espazos máis fluídos, que o interior da casa estivese máis vinculado co xardín, foron os retos que afrontamos para cambiarlle o aire a unha vivenda que, por outro lado, ten un carácter predeterminado moi importante.
Ao tratarse dun proxecto eminentemente de interiorismo, o coidado no detalle construtivo, o deseño de mobiliario, a adecuada iluminación das estancias e, en xeral, o uso adecuado dos acabados (madeira de piñeiro pintada de branco, microcemento en chans e paredes…) tivo unha gran importancia no resultado final.
Para vós, cales son as características principais que debe ter unha cociña?
A limpeza, simplicidade e pureza das súas liñas. Unha adecuada resolución funcional da cociña, tanto na distribución do mobiliario como nun adecuado estudo dos percorridos dos usuarios.
Como se relaciona esta estancia co resto da casa nos vosos proxectos? Que papel credes que debe cumprir a cociña na arquitectura contemporánea?
Entendemos a cociña como un elemento de relación fundamental nunha vivenda, cremos que isto non cambiou e que a arquitectura contemporánea, ao igual que ocorría antano, debería seguir tendo en conta que a cociña é un punto neurálxico dentro dunha vivenda; un sitio no que non só se vai cociñar, senón tamén a intercambiar opinións e a relacionarse co reto de membros da nosa familia ou grupo de amigos.
Cal foi o voso primeiro contacto coa marca Santos? Que valorades do traballo con Santiago Interiores?
O noso primeiro contacto con Santos produciuse no noso primeiro proxecto, que foi a realización do acondicionamento interior dun piso en Santiago de Compostela. Foi tamén a primeira vez que entramos en contacto con Santiago Interiores. De Santiago Interiores valoramos o rigor co que afrontan cada encargo, a implicación a nivel de deseño coa que encaran cada reto e a boa comunicación que hai con eles en cada proxecto.
Funcionalidade, beleza, duración… son algúns dos valores das cociñas de Santos. Sentídesvos identificados con eles?
Absolutamente. Santos é garantía dun produto de calidade e dun traballo ben feito. Pensado por e para os usuarios, pero desde unha óptica de absoluto deseño.
Foto retrato: Esther Taboada | Fotos proxectos: Héctor Santos-Díez