Unha cociña luminosa e cálida que convida a arrincar o día cunha carga extra de vitalidade e optimismo. Así é este proxecto que deseñamos para unha parella con nenos que decidiu cambiar o seu piso do casco urbano por unha casa ás aforas da Pobra do Caramiñal. A súa orientación ao xardín, a combinación entre o gris e o branco e a gran illa central son os ingredientes principais dunha cociña que conquistou aos medios especializados e que, incluso, traspasou fronteiras.
Casa Viva destaca nesta reportaxe que a distribución e equipamento dunha vivenda debe responder ás necesidades reais dos seus usuarios, cuestión que se tivo moi en conta neste proxecto. A revista explica que o estilo de vida da familia non lles esixía contar con amplos espazos de almacenamento, e tampouco necesitaban un office, pois xantan fóra da casa e sempre cean no salón, así que na cociña só se reúnen para almorzar. Seguindo estas premisas, o deseño organízase ao redor dunha gran illa central, que se completa cun lineal con armarios columna, mobles baixos e vitrinas.
A publicación especializada Cocinas y Baños sinala nas súas páxinas que, ademais do desexo de contar cun fogar a medida, os propietarios tamén tiñan a elección do mobiliario clara desde o principio. «Varios dos seus familiares xa gozaban de cociñas equipadas con mobles Santos, coñecían a marca de primeira man e as solucións que podían ofrecer ás súas expectativas».
«A cociña como protagonista». Así titula a versión online de Interiores a reportaxe que dedica a este proxecto. «En toda casa hai unha estancia que destaca por riba das demais e, para esta familia, era e é a cociña. Pero non querían unha cociña calquera, debía ser versátil, cómoda, práctica e con vistas». O arquitecto, José Antonio Gómez Domínguez, situou a cociña nunha habitación que recibe a luz do sol practicamente durante todo o día, a través dunha gran fiestra e unha ampla porta de cristal. O magazine sinala que a tonalidade clara de paredes, teito, portas, mobles altos e mesados «potencia esta luminosidade natural, contrastando cos grises que aportan volume e carácter ao conxunto».
Tamén Interiores Minimalistas se fixo eco desta cociña, describindo como a estancia se organiza en torno á gran illa central, «que conta cunha ampla superficie de traballo, zona de cocción con módulo portaplaca estruturado en tres niveis de caixóns e zona de lavado con moble portavertedoiro e lavavaixelas integrado». «Ademais –continúa a publicación– na súa cara exterior, o mesado funciona como unha práctica barra para almorzos e comidas rápidas».
Para o blog de decoración Decoesfera esta cociña conectada co xardín é un auténtico «soño de verán». A publicación explica que, grazas ao deseño escollido para esta cociña, o INTRA-E de Santos caracterizado polas súas frontes lisas, o mobiliario intégrase na arquitectura da estancia.
«Equilibrada, versátil e con vistas: unha cociña que alegra o día a día». Con este titular arrinca a publicación especializada Cocinas con estilo, que sinala que un dos principais obxectivos dun proxecto ben deseñado como este é facernos a vida máis agradable e cómoda.
Ademais, esta cociña que mira ao xardín traspasou as nosas fronteiras para chegar moi lonxe, nada menos que á edición de Arabia Saudita da plataforma de deseño e arquitectura Homify.