A quen non lle apetece darse unha pequena homenaxe despois dun duro día de traballo? Chegar a casa, poñer un pouco de música e preparar un prato especial… pero sen complicarse demasiado. O calendario de cociñas Santos para o mes de marzo recolle unha proposta perfecta para unha cea lixeira, exquisita e moi fácil de facer: milfollas tépedo de bacallau con vinagreta de mel e froitos secos. Unha receita equilibrada e deliciosa, apta tanto para unha comida rápida entre semana como para ofrecer como entrante nun xantar máis formal.
Contámosche, paso a paso, como preparala:
Ingredientes (para 2 racións)
Para o milfollas
-
- Un molde de silicona para cociñar en microondas
- 2 lombos duns 250 gr. de bacallau desalado (tamén serve bacallau fresco)
- 1 cebola morada encurtida, cortada en aros moi finos
- 1 remolacha asada ou cocida, cortada en láminas moi finas
- Brotes de leitugas variadas
- 2 ramiñas de perexil
- ½ limón
Para a cebola encurtida
-
- 1 cebola morada
- 50 ml de vinagre branco
- 15 ml de auga fervendo
- 25 gr de azucre
- 1 chisco de sal
Para a vinagreta de mel e froitos secos
-
- 3 culleradas de vinagre de viño branco ou de sidra
- 3 culleradas de aceite de oliva virxe extra
- 2 culleradas de mel suave
- Noces, abelás e améndoas
- Sal e pementa moídas
Preparación da cebola encurtida
Cortamos a cebola en toros finos, que introducimos en auga fervendo durante un par de minutos. A continuación, escorrémolas e metémolas baixo a auga fría da billa para deter a cocción.
Mesturamos o azucre, o sal e o vinagre nunha ola. Cociñamos a lume lento ata que vexamos que o azucre se disolve coa calor. Deixamos arrefriar.
Colocamos a cebola nun recipiente hermético e cubrímola coa mestura. Deixamos repousar. Tras dúas horas xa teremos lista a nosa cebola encurtida, pero se a deixamos repousar dun día para outro o resultado será incluso mellor.
Preparación da vinagreta
Picamos os froitos secos finos, pero sen chegar a perder textura. Torrámolos nunha tixola, sen aceite, durante un par de minutos a lume medio. Damos voltas continuamente para evitar que se queimen.
Nun frasco pequeno, incorporamos o vinagre, o aceite de noz, o aceite de oliva, o sal, a pementa e 2 culleradas de mel. Mesturamos todo e emulsionamos. Engadimos 3 culleradas dos froitos secos torrados e volvemos mesturar. Reservamos.
Preparación do milfollas de bacallau
O primeiro que faremos será preparar un aceite de perexil. Para iso, picamos esta herba moi fino e mesturámola con aceite de oliva virxe extra. Empapamos os lombos de bacallau con esta preparación, engadimos sal e pementa e esprememos medio limón.
Introducimos os lombos nun recipiente, coa carne branca cara arriba e a pel cara abaixo. Tapamos e introducimos no microondas a 600 W durante 3-5 minutos, dependendo do grosor dos lombos.
Retiramos do microondas e separamos os lombos en lascas. Neste punto, a textura do bacallau debería ter quedado moi zumarenta, polo que resultará un procedemento sinxelo. Impregnamos as lascas coa vinagreta de mel e froitos secos.
Xa para rematar, e conseguir un resultado estético, ademais de exquisito, podemos colocar no fondo dun prato unha capa de lascas de bacallau bañadas coa vinagreta e, a continuación, unha capa de cebolas vermellas, outra de follas de brotes de leituga e outra de remolacha. Finalizamos cunhas follas de brotes de leituga e, novamente, incorporamos unha capa de cebola encurtida e outra de lascas de bacallau. Aderezamos con máis vinagreta de mel e froitos secos.
Se queres ver máis imaxes do proceso de elaboración desta receita, podes facelo no blog Sweet & Sour. Esperamos que goces desta proposta, tan sa e fácil de preparar como exquisita.