Image

Receita de primavera: pasteliños recheos de plátano con fresas

Pastelitos rellenos de plátano caramelizado con nata y fresas | Calendario Santos

Fresca, chea de cor e sinxela de facer. Así é a proposta do calendario Santos para o mes de maio: receita de pasteliños recheos. Masa follada, recheo de plátano acaramelado, nata semi-montada e fresas son os protagonistas desta delicia. Unha sobremesa caseira para celebrar a primavera!

Queres saber como se prepara?

Ingredientes (para 6 pasteliños de aproximadamente 6-7 cm de diámetro)

    • 6 moldes de tartaletas ou de madalenas
    • 1 prancha de masa follada refrixerada
    • 3-4 plátanos maduros pero firmes
    • 50 gr. de manteiga
    • 2 culleradas de azucre moreno
    • 2 culleradas de licor de coco ou licor de plátano
    • 250 ml. de nata 35% m.g.
    • Zume de 1 limón
    • 1 cullerada de queixo cremoso
    • 2-3 culleradas de azucre común (ao gusto)
    • 100 ml de auga
    • 100 gr. de azucre común
    • 12 fresas
    • Menta verde para decorar

Preparación

Antes de nada, prequentamos o forno a 200º, con calor arriba e abaixo. Cun pincel impregnamos os moldes cun pouco de manteiga derretida, ou ben utilizamos un spray desmoldante antiadherente.

A continuación, desenrolamos a masa follada. Cortámola en discos do tamaño da base e laterais dos moldes. Forramos os moldes, pinchamos a base cun garfo e cubrimos con papel de forno.

A masa follada adoita incharse bastante no forno, polo que é aconsellable engadir unhas legumes na base (por exemplo uns garavanzos) para evitar que suba. Enfornamos durante 15 minutos. Retiramos do forno, extraemos os pesos e sacamos as tartaletas do molde. Deixamos arrefriar sobre unha grella.

Podemos preparar a masa follada incluso o día anterior, e montar o recheo no último momento.

Cortamos os plátanos en toros. Para evitar que se oxiden, bañámolos con zume de limón.

Nunha tixola vertemos a manteiga e o azucre moreno. Cociñamos a lume medio ata que se derretan. Subimos o lume e engadimos os plátanos, removendo un par de veces cunha culler de madeira, ata que se douren un pouco. Incorporamos as dúas culleradas de licor e deixamos que o alcol se evapore. Apagamos o lume e deixamos arrefriar.

Semi-montamos a nata co queixo crema e o azucre. O obxectivo é conseguir unha textura cremosa, pero consistente. Reservamos.

Preparamos un xarope para realzar o brillo e dozura das fresas. Incorporamos a auga e o azucre a unha tixola. Con lume forte, levamos a ebulición. Tras 5 minutos, retiramos. Reservamos e deixamos amornar.

Limpamos as fresas, cortámolas e aplicamos o xarope cun pincel.

A nosa receita xa está case lista, chegou o momento da montaxe. En cada tartaleta de masa follada introducimos dúas culleradas de plátano. Cubrimos cun par de culleradas de nata e, como colofón, engadimos as fresas. Colocamos unhas follas de menta verde e… voilà!

Vaiche gustar se…

    • Buscas sobremesas frescas para primavera.
    • Tes gana de dar cor e sabor á túa sobremesa, con preparacións a base de froitas.
    • Necesitas una receita tan sinxela como deliciosa.
    • Queres utilizar produtos que se poidan adquirir facilmente no mercado.
    • Apetécenche uns pasteliños que sirvan tanto para a sobremesa como para unha merenda a media tarde acompañados dun café ou un té.

Esperamos que esta proposta adoce o teu día. Animámoste a poñela en práctica na túa cociña, gozando da súa preparación e compartíndoa despois cos teus. Se queres ver máis imaxes  proceso de elaboración, podes facelo no blog Sweet & Sour. Ademais, convidámoste a consultar outras receitas publicadas no noso blog aquí.

Bo proveito!