A que sabe comer un bocado de ceo? Os americanos cren que debe ser semellante a probar este biscoito de textura tenra e esponxosa, e cun interior de cor branco como as nubes, por iso decidiron bautizalo como “pastel de anxo”. A receita do calendario Santos para o mes de setembro propón esta deliciosa sobremesa, típica da repostería tradicional estadounidense.
Trátase, ademais, dun biscoito moi lixeiro, que apenas leva graxa, polo que é apto para todo tipo de dietas. É moi característico pola súa altura, que se consegue polo aire que se introduce ao bater as claras de ovo. Iso si, aínda que a súa preparación non implica moitísimos pasos, si é algo laborioso de facer, principalmente porque hai que ter en conta algúns pequenos detalles para que o pastel suba no forno e o resultado sexa o agardado.
Ingredientes
- 1 molde redondo, con tubo central, de 25 cm
- 10 claras de ovo tamaño L
- 100 g de fariña de repostería
- 281 g de azucre superfino ben moído (pero sen chegar a azucre glas).
- 1 cullerada e media de cremor tártaro
- 2 culleradiñas de extracto de vainilla
- 1 cullerada de limón relado
- Un chisco de sal
Preparación
O primeiro que faremos será forrar a base do molde con papel de forno, o que axuda no desmoldado. Ademais, para que o pastel suba correctamente, non se debe engraxar o molde.
Mesturamos a fariña e os 225 g de azucre, e peneiramos a mestura, a ser posible varias veces, pois así o biscoito quedará máis aireado e esponxoso. Reservamos.
Nunha cunca grande (e sen restos de graxa, ou as claras non subirán), poñemos as 10 claras de ovo e peneiramos sobre elas o cremor tártaro e o sal. Batemos a velocidade baixa uns dous minutos, ata que as claras escumen. A partir de aí, incrementamos progresivamente a velocidade para montar as claras (este punto é o máis delicado de todo o proceso xa que se non están suficientemente batidas o pastel non sube, pero se o están demasiado, desínchase).
Nese momento volvemos baixar a velocidade da batedeira e imos engadindo os 56 g de azucre superfino culleradiña a culleradiña. Cando xa está todo o azucre incorporado, continuase batendo a velocidade media-alta ata que as claras estean máis densas, compactas e brillantes (unha forma de comprobalo é colocar as varas cara arriba e asegurarse de que non caen cara os lados).
Engadimos o extracto de vainilla e o limón relado e batemos durante un minuto máis. Despois, agregamos a mestura de fariña e azucre sobre as claras montadas, peneirándoa un mínimo de catro veces, e incorporándoa á mestura de xeito manual, facendo movementos envolventes cunha espátula de goma.
So queda baleirar sobre o molde e enfornar durante uns 40/45 minutos, no forno previamente quentado a 180ºC, con calor arriba e abaixo. Non convén abrir a porta ata o final, cando sexa o momento de comprobar se xa está listo (para asegurarnos podemos introducir un palillo preto da zona central e ver se sae limpo, o que quere dicir que é o momento de sacalo do forno).
Unha vez fora, deixámolo arrefriar boca abaixo durante exactamente unha hora. Hai que desmoldar con decisión, usando unha espátula para separar o contorno do biscoito do molde.
So nos queda servilo. Podes tomalo tal cal no almorzo ou na merenda, pero tamén despois de comer, a modo de sobremesa, e neste caso é boa idea adornalo co que máis che guste: froitas vermellas, xarope, chocolate, nata ou xeado.
Esta sobremesa encantarache se…
-
- Gústache a repostería e non tes medo de probar receitas que exixan un pouco máis de concentración.
- Buscas unha sobremesa pouco calórica, para que ninguén teña que renunciar a tomar algo doce despois de comer.
- Adoitas almorzar biscoito e apetéceche probar novas variacións.
- Buscas un pastel lixeiro que sirva tamén para a merenda, acompañando ao té ou ao café.
- Precisas reciclar un excedente de claras tras preparar un flan o unhas cremas.
- Queres impresionar aos teus invitados cun pastel elegante, nada pesado e de textura única.
Animámoste a que elabores ti mesmo o pastel de anxo e leves a túa mesa un anaquiño de ceo. No blog Sweet & Sour poderás atopar máis imaxes do proceso de elaboración, ademais de moitas outras receitas exquisitas.