Se hai unha hortaliza característica do outono é a cabaza; non só porque a noite de Halloween toque decorala, senón, sobre todo, porque o seu sabor lixeiramente doce da moitísimo xogo na mesa, tanto para o prato principal como para a sobremesa.
O calendario Santos propón para o mes de outubro unha receita sinxela e á vez sofisticada coa que sacar o máximo partido deste produto de tempada. A cabaza con recheo de quinoa e queixo é unha opción moi atractiva para ofrecer aos invitados nunha cea en casa grazas á súa vistosa presentación e a súa deliciosa mestura de sabores. Queres saber como preparala?
Ingredientes (para dúas persoas)
- 1 cabaza
- 90 gr de quinoa
- 75 gr de queixo búlgaro, feta ou azul
- 50 gr de noces picadas
- Aceite de noz ou de oliva virxe extra
- Perexil picado fino
- Sal e pementa
Preparación
Comezaremos por asar a cabaza, lavándoa moi ben por fóra e partíndoa en dous (xa sexa pola metade, ou, se a forma da cabaza o permite, retirando a parte superior de xeito que a inferior quede a modo de cunca). Quitamos todas as sementes, e pintamos a cabaza cun pouco de aceite antes de depositala nunha fonte cun pouco de auga. Ademais, cómpre cubrir os rabiños con papel de aluminio para evitar que se queimen.
Metémola no forno, previamente prequentado a 200ºC, durante uns 15 minutos, ata que vexamos que se introducimos un pau na polpa, entra con facilidade. Nese momento, sacamos e reservamos á calor.
Mentres a cabaza enfornase, imos preparando a quinoa, tendo en conta que antes de usala hai que lavala ben para retirar a saponina que recubre os seus grans e da un sabor moi amargo (isto pódese facer sobre un coador de malla fina). Unha vez limpa, deixamos escorrer un par de minutos e torrámola nunha tixola sen aceite ata que adquira sabor a noz. Despois poñemos nun cazo unha vez e media de volume de auga respecto ao volume das sementes, ata que ferva, cando botaremos a quinoa para cocela a fogo medio-baixo durante 15 minutos (ou ata que apareza semitransparente) e deixámola repousar dous minutos máis. En caso de que quede exceso de líquido, coamos antes de separar os grans con axuda dun garfo.
Mesturamos a quinoa quente co queixo, partido en anacos pequenos, e as noces picadas finas. Aderezamos con sal e pementa e botamos un chorriño de aceite.
Xa só queda encher a cabaza con esta mestura, engadindo por riba perexil picado fino. Listo para servir!
Gustarache se…
-
- Buscas receitas vexetarianas coas que reducir o consumo de carne
- Necesitas unha proba de que os pratos saudables non teñen por que ser aburridos
- Tes invitados a cear, e queres impresionalos sen investir demasiado tempo na cociña
- Encántanche os sabores do outono, e exploras novas formas de incorporalos á túa mesa
- Es amante dos queixos en toda a súa variedade
Se queres ver máis imaxes do proceso de elaboración, podes facelo no blog Sweet & Sour. Esperamos que goces desta receita.