Hai pratos que supoñen un acerto seguro, e un bo exemplo é o salpicón de marisco. Sinxelo, pero á vez refinado, senta ben en medio dunha copiosa comida pero tamén nunha cea frugal, en verán ou en inverno, só ou nun evento con multitude de invitados. Un clásico que gusta a todos e que destaca pola súa frescura e o seu potente sabor a mar.
O calendario Santos propón para o mes de decembro unha receita lixeira e moi sofisticada, especialmente axeitada para esta época do ano na que se suceden as festas a os empachos. Queres saber como preparar este delicioso salpicón de marisco?
Ingredientes (para 4-6 persoas)
- 1 cola fresca de peixe sapo (uns 500 g)
- 16 langostinos frescos
- 1 centola
- 2 patas de polbo
- 2 ceboliñas tenras
- 2 ovos duros
- Medio pemento verde
- Medio pemento vermello
- Perexil fresco
- 175 ml de aceite de oliva virxe extra
- 1 chorriño de vinagre de mazá
- Reladura de lima
- Sal e pementa
Preparación
Comezaremos por preparar o peixe sapo, sempre tendo en conta que este peixe pódese substituír tamén por pescada ou escarapote, ou mesmo por peixe sapo conxelado, xa que nestas datas adoita subir moito de prezo. En calquera caso, quitaremos a pel do peixe e cortarémolo en toros grosos duns 3 cm de grosor, para despois cocelas en auga fervendo con sal entre 4 e 5 minutos desde que retome a fervura. Retiramos, quitamos as espiñas e esmigallamos ben a carne do peixe sapo antes de reservalo.
Cocemos tamén o marisco en auga con sal. A centola convén deixala uns 12 minutos desde que ferve a auga, mentres que aos langostinos chégalles cuns 2 ou 3 minutos. Extraemos e esmigallamos a carne da centola, e picamos a dos langostinos en anacos pequenos, e reservamos. Cunhas tesoiras cortamos tamén as patas do polbo cocidas en pequenos cadradiños.
Picamos ademais os ovos cocidos, e os pementos e as ceboliñas previamente lavados. Xa temos todos os ingredientes preparados para o salpicón, e so queda facer a vinagreta.
Para iso, mesturamos nun recipiente con tapa o aceite, o vinagre, o sal e a pementa. Pechamos o bote e axitamos ben a mestura para que emulsione. Finalmente engadimos a reladura de lima, que aportará maior frescura.
Nunha cunca grande, mesturamos todos os ingredientes previamente reservados (o peixe, o marisco, os ovos e os vexetais) e vertemos por riba a vinagreta, deixando repousar algunhas horas para que consoliden ben os diferentes sabores.
Xa queda unicamente servir nos recipientes individuais, engadindo o perexil fresco picado e adornando unha coliña de langostino para acadar unha presentación máis atractiva.
Gustarache se…
-
- Buscas receitas lixeiras coas que compensar os excesos propios das festas de Nadal (ou de calquera comida copiosa)
- Tes invitados a cear, e queres impresionalos cun entrante sofisticado pero fácil e rápido de facer
- Necesitas un prato atraente que poidas deixar preparado con antelación sen que perda substancia
- Es amante dos sabores mariños, e non perdes a oportunidade de incorporalos á túa mesa
- Desexas contar cunha receita base a partir da cal dar renda solta á túa creatividade incluído novos ingredientes ou probando novas presentacións
- Queres atopar un aperitivo saudable e nutritivo compatible con calquera tipo de dieta
Se queres atopar máis imaxes do proceso de elaboración do salpicón de marisco, visita o blog Sweet & Sour. Esperamos que goces moito desta receita.