O pan é un elemento indispensable na nosa mesa e existen decenas de variedades entre as que elixir: chapata, baguette, pita, pan con cereais, etc. Unha modalidade que xurdiu recentemente, pero que se converteu no produto estrea para acompañar embutidos, conservas, patés ou hortalizas á hora do aperitivo -ou da cea- é o pan de cristal.
Trátase dun pan crocante e lixeiro, con pouca miga, que queda moi ben en todo tipo de tostas. E que, ademais, é moi fácil de facer. O calendario Santos para o mes de febreiro móstranos esta receita delicada e sofisticada, que se converterá nun imprescindible para picar algo na casa cos amigos. Como preparalo?
Ingredientes
- 200 ml de auga temperada
- 100 ml de auga moi fría
- 350 g de fariña normal
- 15 g de fermento fresco
- 1 cullerada de iogur natural
- Un chisco de sal
Preparación
Nunha cunca, mesturamos 200 ml de auga temperada, 150 g de fariña e un chisco de sal e removemos ben. Despois, botamos 100 ml máis de auga moi fría r seguimos removendo ata que quede ligado.
Esperamos uns 10 minutos para que a fariña se hidrate, e engadimos unha cullerada de iogur natural, 15 g de fermento fresco e seguimos mesturando para que a masa quede perfectamente integrada. Tapámola, e deixámola reposar uns 50 minutos.
Engadimos 100 g máis de fariña, mesturamos, e volvémola tapar e esperar outra media hora. Tras ese tempo, agregamos 100 g máis de fariña para volver deixala repousar, sempre nun lugar temperado e sen correntes.
Cubrimos a bandexa do forno con papel sulfurizado, facendo pregos para que quede acanalado, xa que a masa deste pan é bastante líquida, e así queda contida. Temperamos a bandexa e estendemos a masa sobre o papel axudándonos dunha culler para eliminar as burbullas e que quede uniforme.
Volvemos deixar repousar a masa ata que dobre o seu volume (pode tardar uns 30 minutos máis), e metemos a bandexa no forno previamente prequentado a 250º. Enfornamos durante entre 10 e 15 minutos, e despois deixamos arrefecer. E xa está listo para acompañar os teus petiscos favoritos!
Gustarache se…
-
- Es amante do pan, e gozas degustando distintas variedades, pero tamén probando a facelas ti mesmo para lograr diversas texturas, matices e sabores
- Adoitas refugar os pans con moita miga, porque prefires a parte da codia
- Precisas un pan fino e crocante que potencie o sabor do xamón serrano, o queixo, o tomate con aceite e outros ingredientes básicos da hora do aperitivo
- Buscas receitas de petiscar sinxelas pero ao mesmo tempo sofisticadas coas que impresionar cando tes invitados para comer
- Tes tempo para facer as túas propias barras en casa e non estás disposto a renunciar a esta nova especialidade so porque as panaderías do teu barrio non contan con ela
- Prefires as tapas sinxelas e tradicionais, nas que se da protagonismo a uns poucos elementos, pero moi saborosos
- Queres atopar un pan elegante para as ceas con amigos, pero tamén apto para merendas e almorzos caseiros cun toque especial
Agardamos que te animes a facer o teu propio pan de cristal con esta receita da estilista culinaria Beatriz Rodríguez. No seu blog ToBeGourmet poderás descubrir tamén moitas outras propuestas deliciosas coas que sacar aínda máis partido da túa cociña.