Image

Alioli, unha salsa que aportará moito sabor a calquera prato

Image santos-calendario-2019-web-06A-junio-1

Con patacas, acompañando á paella ou mesmo combinada con carnes e pescados, a salsa alioli é, sen dúbida, un clásico do verán. Co seu sabor, matiza, complementa ou realza practicamente calquera prato. O calendario Santos para o mes de xuño convértea en protagonista cunha receita rápida e sinxela, coa que conseguirás un mollo suave e saboroso.

Ingredientes

  • 2 ovos
  • 150 ml de aceite de oliva virxe extra
  • 150 ml de aceite de xirasol
  • 1 dente de allo grande
  • 1 chisco de sal

Preparación

Nun recipiente, vertemos os dous tipos de aceite para que se mesturen.

Colocamos no fondo da batedeira un ovo e unha xema, e imos deixando caer un fío do aceite previamente mesturado mentres batemos os ovos a velocidade media, co obxectivo de conseguir unha salsa maionesa. Unha vez que calla, podemos ir engadindo máis aceite para obter maior cantidade de salsa.

Incorporamos o sal e o allo cortado en anacos (ao que hai que retirar previamente a cabeza) e seguimos a bater ata que quede ben integrado.

Xa so queda gardalo no frigorífico ata o momento de servir.

Gustarache se…

    • Prefires elaborar salsas caseiras, máis saudables e, sobre todo, máis deliciosas
    • Buscas un complemento que lle dea un punto diferente a pratos moi sinxelos como unhas patacas asadas, un polo empanado ou unhas verduras á prancha.
    • Adoitas comer ou cear de tapas
    • Tes invitados en casa e queres ofrecer un básico da hora do aperitivo, pero cun toque persoal e moito sabor (e sen investir moito tempo)
    • Necesitas unha salsa fría, ideal para combater as altas temperaturas do verán
    • Adoras o allo en todas as súas posibilidades
    • Cres que é boa idea incluír sempre un mollo na mesa, para que despois cada comensal poida facer maior ou menor uso do mesmo durante a comida

Agardamos que te animes a probar esta salsa alioli, que non leva máis de cinco minutos e que dará moito xogo con numerosas tapas e petiscos. É unha receita da estilista gastronómica Beatriz Rodríguez, en cuxo blog ToBeGourmet poderás atopar moitas outras propostas interesantes.