Image

Pulguitas de salmón e crema cítrica para petiscar entre horas

Pulguitas de salmón

Un pequeno bocadillo é unha opción perfecta para manter á raia o apetito a media mañá, ou para lograr un pouco de enerxía extra na merenda. O habitual é acompañar o pan de friame ou queixo, pero hai alternativas máis lixeiras e creativas.

O calendario Santos para o mes de setembro propón unhas deliciosas pulguitas de salmón e crema cítrica con pan caseiro. Unha receita sinxela para crear un aperitivo saudable, sofisticado e orixinal, co que gozar en soidade dunha tarde de relax ou dunha animada reunión con amigos. Como preparalas?

Ingredientes

  • 500 g de fariña de forza
  • 25 g de fermento
  • 1 ovo
  • 150 g de leite
  • 25 ml de aceite de oliva
  • 125 ml de auga temperada
  • 20 g de azucre
  • Sementes de sésamo
  • Un chisco de sal
  • Salmón afumado
  • 100 g de queixo crema
  • 1 lima
  • Aneto

Preparación

Vertemos nunha cunca o ovo coa leite, o aceite e o sal e batemos ata que quede ben mesturado. Por outro lado, nun vaso diluímos o fermento en auga temperada.

Nun recipiente grande, colocamos a fariña e o azucre, e deixamos un oco no centro para verter tanto a mestura anterior como o fermento diluído en auga.

Mesturamos e amasamos ata que formamos unha bola de aspecto elástico e liso, que non se pegue nas mans. Tapamos a masa durante unha hora e media (ou ata que dobre o seu volume) e volvemos amasar. Coa masa formamos pequenas boliñas, achaiándoas un pouco para elaborar as dúas partes do bocadillo. Colocamos as boliñas na bandexa do forno, sobre papel de forno, tapamos, e deixamos que fermente durante outra hora.

Unha vez pasado ese tempo, pintamos a superficie da masa das boliñas un pouco de ovo batido e engadimos as sementes de sésamo. Despois metemos a bandexa no forno e enfornamos durante 10 a 12 minutos.

Deixamos arrefriar, e xa temos listo o pan!

Para preparar a crema cítrica do recheo, mesturamos nunha cunca o queixo crema co zume da lima e o aneto.

Xa so queda presentar as pulguitas, estendendo a crema cítrica polo pan e colocando unhas rebandas de salmón afumado no interior.

Gustarache se…

    • Tes paciencia para amasar, e valoras as peculiaridades dos distintos tipos de pans caseiros
    • Adoitas recorrer aos bocadillos á hora de merendar e queres innovar máis alá do xamón ou o chourizo
    • Buscas receitas lixeiras e saudables pero sen renunciar a degustar un pouco de pan cando petiscas entre horas
    • Encántache aromatizar os teus pratos con especias, e gozas do sabor fresco e anisado que aporta o aneto
    • Precisas un recheo para as túas pulguitas tan saboroso como rápido e fácil
    • Consideras a lima un ingrediente gastronómico imprescindible, e moitas veces infravalorado
    • Tes invitados en casa e precisas un aperitivo informal e sen grandes complicacións, pero cun toque sofisticado

Agardamos que te animes a probar estes riquísimos minibocadillos, ideais para calquera momento do día. É unha proposta da estilista gastronómica Beatriz Rodríguez, en cuxo blog ToBeGourmet poderás atopar moitas outras receitas interesantes.