Image

Turrón de froitas cristalizadas, un clásico do Nadal

turrón de frutas escarchadas

Achéganse as festas, e con elas, as reunións con familia e amigos, as enchentes seguidas de longas conversas, os agasallos, os bos desexos e, por suposto, os doces de Nadal. Porque se hai unha época para gozar da calidez da cociña, sen dúbida é esta.

Por iso o calendario Santos para o mes de decembro propón a sobremesa por excelencia destes festexos, na súa variedade máis larpeira: turrón de froitas cristalizadas. Delicado, riquísimo e cheo de cor, será unha alternativa irresistible aos turróns máis industriais.

Como preparalo?

Ingredientes

  • 250 g de améndoa
  • 250 g de azucre glas
  • 100 g de froita cristalizada
  • 1 ovo

Preparación

Con un robot de cociña, trituramos en máxima velocidade a améndoa xunto co azucre, para obter unha masa (en caso de non ter un robot de cociña, o mellor é mercar a améndoa xa moída, e ligala ao azucre nun cazo con auga).

Engadimos a clara do ovo á mestura anterior, e amasamos ata que quede todo ben integrado. Dividimos esa masa en tres partes iguais.

Forramos un molde alongado con papel film, e utilizamos o primeiro terzo da masa para crear unha primeira capa de mazapán. Picamos moi finas as froitas confeitas, e mesturámolas co segundo terzo da masa, creando a segunda capa. Por último, poñemos a terceira capa de mazapán.

Coa xema do ovo, pintamos sobre esa terceira capa, antes de meter o recipiente no forno. Enfornamos uns cinco minutos a 180º ao grill.

Despois, deixamos arrefriar, damos a volta e desmoldamos. Listo para tomar!

Esta receita gustarache se…

    • Es fan dos doces propios desta época do ano, como o mazapán
    • Queres aproveitar as vacacións para elaborar novas receitas sinxelas, que podas realizar en compañía dos máis pequenos da familia
    • Encántache o turrón en todas as súas variantes, e desexas probar unha versión máis caseira do mesmo
    • Buscas unha sobremesa tradicional pero que ao mesmo tempo impresione e sorprenda aos teus invitados
    • Non estás disposto a renunciar a sabores típicos da túa infancia, como o da froita cristalizada, e valoras a vistosidade que aporta coas súas cores a calquera prato
    • Sabes que nas grandes comidas de Nadal non poden faltar este tipo de larpeiradas, pero gustaríache poder degustalos tamén unha vez pasadas as datas, e en calquera época do ano

Agardamos que te animes a preparar o teu propio turrón de mazapán e froitas cristalizadas. É unha receita da estilista gastronómica Beatriz Rodríguez, en cuxo blog ToBeGourmet poderás atopar moitas outras propostas exquisitas.