As cociñas semiabertas permiten aproveitar todas as vantaxes dos espazos compartidos, pero minimizando algúns dos seus inconvenientes. Non é raro, polo tanto, que este tipo de deseños sexan cada vez máis populares.
Cociñar mentres se conversa cos invitados, fregar os pratos botando un ollo aos nenos que xogan ou prepararse un petisco sen necesidade de afastarse do resto da familia… Está claro que as cociñas abertas favorecen a comunicación e a interacción, convertendo esta zona da casa nun espazo de traballo, pero tamén de gozo. Ademais, abrir as distintas estancias permite amplialas visualmente, multiplicar a súa luminosidade e facelas, en moitos casos, máis cómodas e modernas.
Sen embargo, a ausencia de barreiras favorece a propagación de olores, ruídos e mesmo manchas polo salón. Hai que ter en conta que cos electrodomésticos actuais é posible reducir os riscos de que isto ocorra, pero nunca tanto como nunha cociña pechada. Sen esquecer que hai quen prefire un pouco de intimidade á hora de cociñar, ou simplemente poder manter a desorde fóra do campo visual mentres se fan outras tarefas fóra da cociña.

As cociñas semiabertas poden ser a solución a moitos destes problemas. E as formas de delimitalas son múltiples: desde semitabiques, muros divisores e fiestras interiores ata grandes paneis ou portas corredizas. Que teñen en común todas estas propostas? Basicamente en todos os casos trátase de dar privacidade á zona de traballo facilitando ao mesmo tempo a comunicación entre os diversos ambientes e a circulación da luz.
Mostrámosche agora algunhas fotos de deseños semiabertos que esperamos te inspiren á hora de conectar a túa cociña co resto da casa.
Cociñas semiabertas ao salón: unha gran zona de día

Conectar a cociña co salón permite crear unha gran zona de día, un centro neurálxico familiar e social que funcione como corazón do fogar. Un xeito de facelo é a través dunha gran porta corrediza, tal e como vemos na foto superior. Basta con pechala para illar a zona de traballo, sen perder, en ningún caso, luminosidade nin amplitude visual. Pola súa parte, usar o mesmo chan en ambas estancias ou respectar a mesma cor de paredes e teito, contribuirán a crear continuidade no ambiente.

Noutros casos pode ser un tabique a media altura o que separe a cociña semiaberta do salón. Na parte superior, un panel de vidro funciona como fiestra interior, permitindo que a luz circule sen obstáculos. Trátase dunha solución moi habitual en cocinas pequenas e escuras. A luminosidade pódese potenciar aínda máis con mobles en cor branca.
Cociña semiaberta de cristal: as paredes son transparentes

O deseño de cociñas semiabertas acristaladas é o máis habitual cando falamos deste tipo de solucións a medio camiño entre os espazos diáfanos e os pechados. O cristal transparente, como apuntabamos antes, funciona a modo de parede no relativo a ruídos e sons, pero permite en todo momento a conexión visual. Ademais, a apertura parcial ao salón ou comedor aporta un aire relaxado e moderno á vivenda.
Cociña semiaberta ao comedor: ante todo, comodidade

Nalgúns casos os peches de vidro serven para separar a área de traballo da zona office. Así, o clásico comedor pechado que se usa para ocasións máis especiais conéctase coa cociña e convértese nunha opción práctica decote. Servir a comida, recoller os pratos e, en xeral, desprazarse entre ambas estancias resulta deste xeito máis fácil e cómodo.
Cociña semiaberta con barra: separando ambientes

Aínda que a maioría das cociñas semiabertas que vimos ata agora se separan mediante peches de vidro ou fiestras interiores, unha barra pode ser en moitos casos o elemento que delimite os distintos ambientes. É certo que así non é posible illar completamente ruídos e olores, pero si sirve para aportar algo de privacidade mentres se prepara a comida, tal e como comprobamos nesta cociña alongada semiaberta con barra.
Cociñas semiabertas con illa: grandes, cómodas, prácticas.

Nas cociñas abertas, as illas moitas veces serven para separar visualmente distintos ambientes. Nos deseños semiabertos vaise un paso máis alá á hora de illar os espazos. Neste proxecto vemos como a illa, na súa parte externa, conta cunha barra de almorzos que conecta coa zona do comedor. En medio, unhas amplas portas corredizas ofrecen a posibilidade de abrir a cociña ao salón-comedor ou pechala en función das necesidades.

Neste outro proxecto, sen embargo, a illa, á que se acaroa unha mesa, sitúase perpendicularmente á porta corrediza. Así, cando esta se abre, os mobles intégranse co salón-comedor sen que exista ningún tipo de obstáculo visual.
Cociña semiaberta con porta corrediza

As portas corrediza de vidro, de chan a teito, permiten pasar facilmente dun ambiente illado a outro conectado. Estes peches corredizos, con estruturas de ferro, aluminio ou incluso madeira, poden ter diferentes deseños, desde os máis sinxelos a outros máis ornamentais. Ao fin e ao cabo, trátase dun elemento que ocupa moito espazo e que, ademais de ser útil, contribuirá a dar un toque decorativo á estancia.
Cociñas pequenas semiabertas: máis lixeiras e luminosas

As cociñas semiabertas dan moito xogo en estancias de dimensións reducidas. Un bo exemplo vémolo na imaxe superior. Trátase dunha cociña de apenas 9 metros cadrados sen ningunha fiestra exterior. Pechada, podería resultar claustrofóbica. Sen embargo, grazas ao seu deseño semiaberto resulta lixeira, luminosa e moi confortable.

Do mesmo xeito, os muretes e fiestras interiores permiten illar unha pequena cociñasen perder luminosidade, creando así ambientes diferenciados nun apartamento.
En definitiva, as cociñas semiabertas permiten unir o mellor de dous mundos: a funcionalidade das estancias pechadas coa versatilidade dos grandes espazos diáfanos. Se ti tamén estás buscando ideas similares para o teu proxecto de cociña, non dubides en contactar co noso equipo de interioristas. Estaremos encantados de orientarte e crear unha proposta á medida dos teus gustos e necesidades.