Case todos soñamos cunha cociña ampla, repleta de luz natural, e con abundante espazo de almacenamento. Pero, o certo é que iso non sempre é posible. As estancias de dimensións reducidas son moi habituais nos pisos de hoxe en día, aínda que ter unha cociña pequena non quere dicir que non se poida gozar dun entorno cómodo e funcional. Iso si, para logralo, é fundamental decantarse por unha boa distribución, utilizar solucións prácticas para aforrar espazo e optar por mobles, materiais e acabados que alixeiren o ambiente.
Hoxe veremos algunhas ideas, e fotos, que te axudarán a inspirarte á hora de crear unha cociña moderna, bonita e funcional, independentemente dos metros cadrados dos que dispoñas.
Cociñas pequenas con illa: áreas abertas e multifuncionais
Unha illa pode converterse nunha magnífica aliada das cociñas pequenas… sempre que sexan abertas. Así, cando contamos cunha única estancia, non demasiado grande, na que incluír cociña, comedor e salón, a illa axúdanos a organizar o espazo e a separar ambientes sen restar luminosidade e evitando a sensación de encerro.
O máis habitual é colocar nun extremo do cuarto os mobles de cociña e, fronte a eles, en paralelo, a illa, que pode levar, ademais, unha barra incorporada que se converterá nun recuncho para almorzar ou petiscar. Se, como vemos na foto, optamos por unha zona de columnas, aproveitaremos todo o espazo desde o chan ata o teito, multiplicando a capacidade de almacenamento. As illas, en cociñas pequenas, poden chegar a concentrar a superficie de traballo, fregado e cocción, como é o caso deste proxecto.
Tendo en conta que as cociñas pequenas con comedor son unha excepción, a illa resulta tamén un xeito fantástico de unir a zona office á de traballo, permitindo gozar en compañía de familia e amigos mentres se cociña, e podendo trasladar de forma sinxela os alimentos ata a mesa.
Cociñas pequenas en L: ideal para estancias alongadas
Trátase dunha distribución moi habitual en cociñas pequenas, especialmente se son de planta cadrada ou alongada e estreita, xa que agrupan as distintas zonas de traballo nun ángulo recto, e deixan espazo libre no centro, alixeirando visualmentela estancia e favorecendo a circulación da luz natural.
Por suposto, pódense atopar distintos modelos de cociñas pequenas en forma de ele, pero unha proposta moi funcional é a de reservar o extremo da “L” para colocar os electrodomésticos (como neveira, forno ou microondas), planificando ademais o aproveitamento do espazo ata o teito. Do outro lado, situaranse mobles altos e baixos, coas zonas de cocción e lavado.
Cociñas pequenas en U: máximo aproveitamento do espazo
A distribución en U contribúe a maximizar o aproveitamento do espazo nas estancias pequenas, ao sacar partido de tres das paredes para amoblar. Iso si, non é apta para cuartos estreitos, pois debe haber un mínimo de 1,20 m entre os frontes que quedan en paralelo para que se poida traballar neles comodamente.
Outra vantaxe é que crean un triángulo de traballo moi funcional, coas distintas áreas de actividade próximas, pero organizadas en distintos planos. Recoméndase enfrontar as zonas de cocción coa de almacenamento e electrodomésticos, deixando o vertedoiro no vértice.
Se ben, en todas as cociñas pequenas convén coidar especialmente o tema da iluminación, isto faise aínda máis patente naquelas organizadas en forma de U, xa que ao contar con tantos mobles en poucos metros cadrados pode recargarse demasiado o ambiente. É aconsellable reforzar a entrada e circulación de luz natural, así como decantarse por cores claras e materiais lixeiros, para evitar unha sensación abafante na cociña. Cando é posible, abrir a estancia, ou substituír as paredes por fiestras interiores permitirá aproveitar todos os beneficios da distribución de U nunha atmosfera máis diáfana e liviá.
Cociñas pequenas con península, modernas e prácticas
Ao igual que ocorría nas cociñas pequenas con illa central, a península resulta un elemento clave á hora de aproveitar o espazo en estudios e apartamentos reducidos. As penínsulas suman superficie de traballo e de almacenamento, e axudan a integrar as distintas áreas públicas da casa, delimitando ao mesmo tempo cada unha delas. Na segmentación dos espazos tamén xoga un papel importante a elección dos materiais. Seleccionar para a cociña acabados que harmonicen cos do resto da casa axudará a crear certa uniformidade. Por outro lado, se o que buscamos é definir a transición entre diferentes zonas, podemos facelo mediante os tipos de pavimentos. No caso da imaxe anterior observamos como as baldosas da cociña se converten no elemento que marca a transición entre a cociña e o comedor.
Ademais, as cociñas pequenas con península modernas adoitan organizarse en paralelo, o que permite crear unha zona de traballo moi funcional en poucos metros cadrados. Ao poder acceder á península desde ambos lados, é moi cómodo para traballar varias persoas á vez, ou para situar unha barra de almorzar coa que gañar espazo extra de office.
Cociñas en paralelo pequenas: unha distribución moi funcional
Unha moi boa idea para estancias alongadas (se non son estreitas) é distribuír o mobiliario en dúas filas enfrontadas, maximizando o espazo horizontal e creando así unha zona de traballo cómoda, totalmente equipada e coa máxima capacidade de almacenamento posible. De feito, xa vimos como nas cociñas con illa ou península se acode frecuentemente a esta distribución en paralelo. Este tipo de composicións resultan igualmente idóneas para estancias pechadas, xa que favorecen a circulación da luz natural a través dun amplo espazo central libre.
Hai que recordar, no caso das cociñas máis pequenas, que ese espazo central libre debe de ser de ao menos 120 cm. Pero cumprindo con esa condición, lógrase unha zona de traballo confortable e moi ben aproveitada.
Cociñas pequenas con barra: incorporando un recuncho de comedor
A barra non só resulta funcional no caso das cociñas integrais con illa ou península, senón que nas habitacións estreitas, pode xogar un papel fundamental á hora de incluír unha pequena zona de comedor dentro da estancia. Así, en cuartos nos que non sería posible colocar mobiliario en paralelo, si pódese aproveitar a parede fronte ao lineal de mobles para colocar unha repisa con tallos sobre a que almorzar a diario. Se ademais, as barras para cociñas pequenas se equipan con algún moble de almacenamento extra, mellor que mellor.
Outra opción moi habitual é incluír a barra baixo a fiestra, para, deste xeito, poder gozar da luz natural mentres se toma un petisco.
Cociñas brancas pequenas: unha aposta segura
A cor branca é a raíña indiscutible das cociñas moi pequenas, xa que aporta lixeireza visual e luminosidade, dous aspectos esenciais para facer destas estancias un lugar de traballo agradable. Convén, ademais, optar por mobiliario de liñas sinxelas, no que se prime a discreción e o “menos é máis”, para evitar recargar o ambiente.
Isto non quere dicir que non se poidan engadir pinceladas de cor e personalidade en pequenos detalles, pero o certo, é que si buscamos funcionalidade, estética e confort, os tons claros resultan fundamentais. O ideal é que o branco sexa o gran protagonista de teitos, paredes, mobles, accesorios e mesado, pois deste modo poderase potenciar a luminosidade e crear unha ilusión óptica de maior amplitude.
Cociña branca e gris pequena, moi elegante
No caso de que se desexe introducir un toque de tendencia, pódese incorporar algún contrapunto en tons escuros como o gris ou o negro. En concreto, as cociñas en branco e gris son unha boa solución para crear espazos modernos e versátiles, sempre e cando a predominancia do primeiro color sexa evidente. Deste xeito, podemos elixir mobles de cociña brancos, pero empregar o gris no mesado ou nos electrodomésticos.
Cociñas negras pequenas: pura tendencia
Máis controvertido é o uso do negro en estancias pequenas, onde unicamente é recomendable se o espazo recibe abundante luz natural. Neses casos lograrase crear unha cociña sofisticada, actual e repleta de carácter.
En todos os demais, o mellor é empregar o negro unicamente en parte do mobiliario, ou en detalles como o mesado, a billa, ou o zócalo.
Cociñas pequenas rústicas: recuperando o encanto do natural
Adóitase identificar o estilo rústico coas enormes cociñas das casas de campo, pero tamén pode preservarse o encanto tradicional en estancias máis pequenas. Así, convén incluír materiais naturais como a pedra ou a madeira, que contribuirán a dotar a este recuncho da casa de calidez e unha atmosfera de tranquilidade, pero sen obviar as regras dos espazos reducidos: a pureza de liñas e as cores claras deben seguir estando moi presentes.
Cociñas cadradas pequenas: solucións para sacarlles partido
Como xa apuntabamos antes, se a estancia ademais de pequena é cadrada, convén optar por unha distribución que axude a aproveitala o mellor posible, e iso adoita ocorrer coa organización en “L” o en “U”. Ademais, é aconsellable tratar de utilizar todo o alto dispoñible, con armarios que cheguen ata o teito, e, por suposto, coidar a iluminación para evitar a sensación de ambiente moi recargado. Como sobre a luz natural non sempre se pode influír, hai que prestar especial atención á artificial, asegurándose de iluminar correctamente a zona de traballo (por exemplo con apliques baixo os mobles altos) e elixindo coidadosamente as luces xerais de teito.
Cociña americana pequena
Unha cociña americana non é máis que unha cociña aberta e, o certo, é que permite gañar amplitude a esta área da casa, mesmo en apartamentos exiguos e/ou de planta irregular. Así, elimínanse as barreiras, físicas e visuais, co resto da vivenda, convertendo un pequeno recanto en parte dunha zona ampla, cómoda e diáfana.
A cociña americana pode ser lineal, aínda que o máis habitual é que conte cunha illa ou península que nos axude a delimitar o lugar destinado a cociñar, dando como resultado un entorno máis equilibrado e harmónico.
Solucións eficaces para aforrar espazo
Á hora de deseñar unha cociña pequena cómoda, equipada e moderna, é fundamental saber como sacar máis partido de cada metro cadrado. Para iso, como xa mencionamos, é importante elixir a distribución adecuada, potenciar a luminosidade, optar por unha estética de liñas simples e sinxelas, pero tamén contar cunha boa organización. Porque unha cociña desordenada, semellará aínda máis diminuta e incómoda.
Por iso os mobles de cociña deseñados por Santos ofrecen diversas solucións tanto para lograr interiores máis ordenados como para maximizar a capacidade dos distintos mobles.
Hai que salientar o caixón zócolo, unha novidade da colección 2019, que prolonga a capacidade dos mobles ata o chan, permitindo aproveitar toda a altura e profundidade dispoñible baixo o mesado. Ademais, a estruturación dos mobles baixos en catro niveles de caixóns facilita a organización e localización de contidos. Vemos, por exemplo, como o moble portavertedoiro reúne, nunha zona reducida, cubos de reciclaxe e un caixón interior para gardar utensilios de limpeza. Os accesorios para caixóns e gabetas tamén contribúen a gañar funcionalidade e aproveitar mellor o espazo dispoñible.
Contan, a maiores, con outras moitas solucións de integración, pensadas para facilitar as tarefas, favorecer a organización e aproveitar o espazo. Os armarios columna, por exemplo, reúnen electrodomésticos e módulos de almacenamento en zonas compactas e organizadas.
Por non falar dos frontes e costados de grosor reducido, que permiten crear mobles máis estilizados, lixeiros e elegantes, pero que ademais proporcionan maior capacidade interior.
En calquera caso, isto é só un breve repaso sobre algunhas das cuestións que convén ter en conta á hora de amoblar cociñas moi pequenas. Se queres sacar o máximo partido da túa, animámoste a pedir cita co noso equipo de interioristas. Estaremos encantados de realizar un proxecto a medida, adaptándonos aos teus gustos, necesidades e por suposto, ao espazo dispoñible.