Manchas de graxa, marcas de dedos, restos de comida, cercos de humidade… está claro que o mobiliario da cociña se enfronta decote a múltiples ameazas no que a pulcritude se refire. É habitual ter dúbidas sobre como limpar os mobles de cociña do xeito máis sinxelo e eficaz.
Aínda que convén ter en conta as características dos distintos materiais e acabados dos armarios de cociña, unha máxima que non falla é que é preferible limpar todos os días simplemente con auga e xabón, a agardar unha semana e acometer unha limpeza en profundidade. Ademais, hai que desconfiar de deterxentes agresivos para desengraxar, salvo en ocasións determinadas.
No caso dos nosos produtos, os clientes teñen a súa disposición un completo manual con todas as instrucións de uso e mantemento. Seguíndoas, os mobles lucirán limpos, e como novos, toda a súa vida útil.
Entón, como limpar os armarios da cociña?
Como apuntabamos antes, é fundamental realizar limpezas periódicas, xa que moitas manchas se resecan co paso do tempo, dificultando a súa eliminación.
Ademais, hai unha serie de recomendacións que van máis alá da limpeza en si, pero que axudarán a evitar, a longo prazo, pegadas, manchas de humidade persistentes ou zonas descoloradas e sen brillo nos mobles. O fume, o vapor e a humidade son grandes inimigos, por iso, é esencial cociñar sempre coa campá extractora en funcionamento, e limpar e secar os mobles ao momento cando derramamos algún líquido sobre eles. Da mesma maneira, recomendamos non usar cafeteiras e ese tipo de pequenos electrodomésticos baixo os mobles altos, así como esperar un tempo prudencial trala finalización do lavado para abrir o lavalouza.
No caso da limpeza das frontes de portas e caixóns, non se deben empregar nunca estropallos ou sustancias agresivas como lixivias, disolventes, augarrás, amoníaco, etc. Para limpar manchas normais, basta con aplicar unha baeta, previamente humedecida con unha disolución de auga e xabón neutro, e secar posteriormente cun pano suave de algodón.
No caso de manchas máis resistentes, pódese optar por unha esponxa, igualmente con xabón neutro, e fretar a superficie manchada, para posteriormente, secar cun pano de algodón ou baeta de celulosa.
É aconsellable limpar os armarios da cociña por dentro de forma regular, especialmente os da lacena. Baleirándoos completamente, retirando as migallas ou restos de comida que puidesen caer, e limpándoos, ao igual que o exterior, con auga tibia e deterxente neutro sobre un pano humedecido.
Como limpar mobles de cociña de madeira?
Os mobles de cociña de madeira resultan máis sensibles, e mesmos se as frontes rechapadas veñen protexidas por vernices específicos, estes non poden evitar os danos causados por limpezas agresivas ou infiltracións continuadas de auga e vapor. Nestes casos resulta especialmente importante ser coidadoso no mantemento e limpeza dos mesmos, e evitar o uso de produtos que conteñan ceras.
De novo, a auga e o xabón neutro son as substancias máis recomendadas.
Como limpar mobles de cociña mate?
Moitas veces dise que os mobles de cociña en acabados mate son máis “sucios” que os de brillo. Isto non se axusta á realidade, pero si pode ser certo que, nos tons mate máis escuros, especialmente con acabado seda, podan notarse máis as marcas de pegadas. Dito isto, limpando con auga e deterxente neutro non debería haber maior problema en eliminar tanto as pegadas como as manchas de graxa ou outras marcas nas frontes.
Paga a pena lembrar tamén a existencia, en Santos, dun laminado supermate LAH (anti-pegadas), un material moi hixiénico que facilita a limpeza.
Como limpar mobles de cociña brillantes?
Unha vez máis, auga e xabón neutro son a solución para eliminar manchas e que os armarios en alto brillo manteñan o seu resplandor inicial. A vantaxe deste tipo de acabados é que resultan moi agradecidos, xa que tras pasar o pano húmido co xabón, e secalos, nótase rapidamente a diferenza. O mesmo ocorre á hora de quitar manchas de mobles de cociña brancos ou en cores claras, que, por regra xeral, é máis doado que transmitan sensación de limpeza.
Como limpar mobles de cociña lacados?
No caso das frontes lacadas, polas súas características particulares,é aínda máis importante un correcto mantemento para asegurar que se manteñen limpas. Pasar decote o pano con auga tibia e deterxente neutro será fundamental para eliminar manchas e pegadas e evitar que estas se fixen.
En ocasións, o que parece unha mancha persistente é, en realidade, unha pequena rotura. Se un golpe fai estelas na laca recoméndase aplicar unha pinga do “Aplicador para retoques” que subministramos coas cociñas deste material.
Como limpar mobles de cociña laminados e estratificados?
Se xa liches ata aquí xa saberás que non hai trucos máxicos nin grandes misterios: como tantas veces, o sinxelo é o máis eficaz. E se engadimos un extra de constancia, para non deixar que as marcas se fixen aos mobles, mellor que mellor. Aínda que os materiais laminados son moi resistentes, non hai que poñelos a proba fregando con estropallos, las de aceiro ou outros materiais similares. Un pano ou baeta é igual de eficiente e menos agresivo, simplemente hai que, no caso de manchas máis difíciles, deixar actuar un bo anaco a auga tibia con xabón para que a sucidade reaccione.
Como limpar manchas persistentes nos teus mobles de cociña?
Aínda que todos sabemos a lección, o certo é que levala á práctica non sempre é tan fácil. Que ocorre cando non reaccionamos a tempo e algunha mancha quedou fixada, resistíndose a desaparecer? Nestas ocasións pode ser necesario recorrer a medidas máis contundentes, como por exemplo, o alcohol isopropílico diluído en auga. Asegúrache de que o pano estea completamente limpo, para non deixar novas marcas, e proba primeiro nunha pequena superficie. Ademais, lembra que o alcohol nunca pode tocar os cantos da porta.
Vitrinas, tiradores, zócolos… como limpar estes elementos da túa cociña?
Aínda que a auga con xabón neutro será a base da limpeza da cociña, hai outros elementos, máis alá dos armarios e caixóns, que poden necesitar coidados específicos. Para eliminar as marcas de pegadas das frontes de vidro das vitrinas, por exemplo, necesitarás limpar ben o po e usar líquido limpacristais.
Se contas con tiradores, zócolos ou outros elementos de aceiro ou aluminio podes aplicar, trala consabida esponxa con auga e deterxente neutro, algún produto específico para realzar o brillo deses materiais.
Como ves, a clave para eliminar a sucidade, quitar manchas de graxa e limpar as pegadas que a veces deixan os dedos sobre as frontes, está na constancia. Non importa se se trata de mobles brancos ou escuros, laminados ou lacados, mates ou brillantes… limpando con auga e xabón de forma regular lograrás uns resultados moito mellores que facendo limpezas “en profundidade” máis espazadas.
De tódolos xeitos, en Santiago Interiores darémosche toda a información que precisas sobre a limpeza da túa cociña para que podas así adaptarte as súas características específicas.