Cales son as tendencias en cociñas imprescindibles en 2022? Esta estancia estase a converter, cada vez máis, no núcleo do fogar: un espazo versátil e polivalente no que se busca comodidade á hora de traballar, pero tamén calidez e confort.
Así pois, non é raro que se afiancen modas que queren dotar de maior luminosidade e elegancia á cociña, como poden ser a apertura ao salón e ao comedor, o protagonismo da madeira ou a busca de deseños sobrios e minimalistas. Se estás pensando en reformar a túa, recomendámosche ter en conta algunhas das últimas tendencias:
Cociñas semiabertas: todo vantaxes
As cociñas abertas levan sendo tendencia moitos anos, e os usuarios dividíanse entre os entusiastas deste concepto e os detractores. Agora vese cada vez máis unha opción intermedia que une o mellor das estancias comunicadas e das pechadas.
As cociñas semiabertas sepáranse do resto da vivenda con portas corredizas de cristal, fiestras interiores ou semitabiques. Deste xeito permiten dar privacidade á zona de traballo sen renunciar, en ningún caso, á luminosidade e á conexión visual.
Un bo exemplo é a cociña semiaberta ao comedor que vemos enriba. Unha solución cómoda e práctica para poñer a mesa preto do área de preparación, pero nunha estancia independente.
Na foto anterior, a cociña semiaberta ao salón separase do resto da zona de día, ademais de por unha porta corrediza acristalada, por un semitabique con fiestra interior. De este modo conséguese crear un pequeno espazo de traballo totalmente illado, pero cheo de luz.
Cociña e sostibilidade: coidando o planeta
Por sorte, cada vez somos máis conscientes da necesidade de introducir melloras “eco” na nosa vida, tanto desde o punto de vista do usuario como das empresas. A vivenda non é unha excepción: búscanse mobles cuxa fabricación sexa respectuosa co medio ambiente, así como a incorporación de electrodomésticos eficientes que logren facer rendible ao máximo os recursos.
Máis alá de tendencias, en Santiago Interiores sempre entendemos o compromiso medioambiental nunha dobre vertente. Dun lado, as cociñas Santos están realizadas con materiais sostibles, madeira procedente de bosques xestionados de xeito responsable, non só desde o punto de vista medioambiental, senón tamén económico e social. Do outro, a aposta por produtos de proximidade, deseñados e fabricados para durar moito tempo, permite aos nosos clientes reducir a pegada ecolóxica da súa cociña.
Cociña con office para comer decote
Agora que se busca facer vida na cociña, unha zona de comedor resulta esencial. Para reunirse coa familia, para leriar na sobremesa, para traballar mentres se prepara a comida… poñer unha mesa ou barra converteuse en algo imprescindible, tanto en cociñas grandes como pequenas.
Así, na foto superior podemos ver unha cociña cun office pequeno pero moi práctico. Nesa estancia de reducidas dimensións, colocamos unha barra en paralelo ao lineal de mobles. Trátase dun elemento lixeiro, que non recarga o ambiente, pero aporta moitísima funcionalidade.
Noutras estancias máis grandes, con illa, a tendencia é apegar a ela unha mesa ou barra, o que permite gozar de calquera comida do día no mesmo corazón da cociña.
Cociña con mesado de mármore
Se falamos de tendencias en mesados de cociña hai que salientar o predominio dos acabados en efecto pedra (tanto naturais como de materiais sintéticos). En concreto, o mesado de cociña efecto mármore converteuse nun dos máis desexados, e é fácil entender por que.
Aínda que existen distintos tipos de mármore para mesados de cociña, tanto en tons claros como escuros, o que todos teñen en común é a beleza do seu veado natural, que aporta elegancia e carácter a calquera recuncho. Vémolo, por exemplo, no laminado Santos acabado Mármore Branco da imaxe superior.
Cociña en acabado madeira
Como ocorre co mármore nos mesados, a madeira tamén ocupa un lugar destacado á hora de representar o gusto polo natural. Así, entre as tendencias en cociñas 2022 triunfa o mobiliario en acabados como o Carballo ou o Nogueira. Iso si, é moi habitual que se combine con outros mobles en cores neutras como a branca, a gris ou a negra.
Billa de cociña negra: moi sofisticada
Acabou o reinado, que parecía eterno, do aceiro inoxidable. As billas buscan singularidade e contraste a través de novas cores e acabados. Entre eles, destaca a negra mate, que combina con calquera tonalidade, adáptase a calquera estilo decorativo e aporta un toque diferente e sofisticado.
Frontes de cociña mate en cores máis atrevidas
Os mobles en alto brillo parecen ter pasado á historia: hoxe prefírense os acabados mate en calquera tonalidade. Pero paga a pena sinalar a irrupción de novas apostas que van máis alá da clásica branca, ou das cores escuras que tanto se estaban vendo estes anos. Agora búscase dar un toque o máis persoal posible á cociña, e tonalidades como a azul, a verde ou a vermella poden contribuír a logralo.
Cociñas minimalistas, menos é máis
Cociñas minimalistas pequenas, brancas, con illa… unha das principais vantaxes deste estilo decorativo é que se adapta a absolutamente calquera estancia. As cores neutras, as formas sinxelas e os ambientes o menos recargados posibles son unha moda, paradoxalmente, atemporal. Un deseño do que un nunca cansa. Por iso, quizais, este 2022 vemos como as cociñas minimalistas son, cada vez máis, a norma.
Estas son algunhas das novas tendencias en cociñas modernas que debes ter en conta para darlle un aire renovado a túa vivenda. Se queres saber como adaptar estas ideas ao teu fogar non dubides en solicitar cita co noso equipo de interiorismo. Estaremos encantados de deseñar un proxecto a medida para ti.