Olivas, patacas fritas, froitos secos, embutido, croquetas… Picar algo antes do xantar para abrir o apetito ou mentres se agarda a que cheguen todos os comensais é un pracer indiscutible, pero non sempre é fácil dar cun entremés que sexa orixinal, saudable e non moi complicado de facer.
O calendario Santos para o mes de xaneiro propón unha receita que o consegue, e que, ademais, resulta deliciosa: chips de alcachofas. Un xeito diferente de preparar unha verdura que non ten acadado toda a aceptación que merece, e que, sen dúbida, se converterá nun básico para as ceas con amigos en casa. Como preparalas?
Ingredientes
- 1 ducia de alcachofas
- Un chorro de aceite de oliva virxe extra
- Un chisco de sal Maldon
Preparación
Comezamos por limpar as alcachofas, retirando a parte dura ata chegar ás follas internas máis brandas. Na punta, facemos un corte dun par de dedos, preservando un pouco do tallo e cortando en dúas partes cada alcachofa, para quitar, coa axuda dun coitelo, a peluxe que se atopa no centro da hortaliza.
Despois laminamos as alcachofas en rodas finas e colocámolas na bandexa do forno, sobre papel vexetal.
Regamos cun chorriño de aceite, engadimos por riba o sal Maldon e metemos as alcachofas no forno, deixando que se fagan durante un 20 minutos, ata que trisquen. Xa están listas para servir.
Gustarache se…
-
- Tratas de evitar os aperitivos fritos, dando prioridade a alternativas aptas para dietas máis restritivas
- Necesitas un primeiro prato orixinal, pero que non precise pasar moito tempo en na cociña nin grandes dotes gastronómicas
- Buscas receitas de petiscos sinxelas e variadas coas que improvisar en ceas espontáneas
- Queres probar formas máis creativas de cociñar as verduras de toda a vida –e que resulten tentadoras incluso para nenos reticentes a probar as hortalizas–
- Prefires cociñar produtos de temporada, explorando así os sabores típicos do inverno
Esperamos que te animes a probar estas riquísimas chips de alcachofas, receita da estilista culinaria Beatriz Rodríguez. No seu blog ToBeGourmet poderás descubrir tamén moitos outros pratos exquisitos.