Se hai unha sobremesa por excelencia do verán, sen dúbida é o xeado. Trátase dunha proposta que nunca falla, xa sexa nun paseo ao borde do mar, nunha terraza despois de cear, baixo o sol abrasador na praia ou simplemente de merenda na casa. Refrescante, cremoso, doce e con reminiscencias da infancia… que máis lle podemos pedir?
O calendario Santos para o mes de agosto tráenos un xeado caseiro de chocolate e cardamomo, unha receita sofisticada que complementa a dozura do cacao co sabor sutil e algo picante desta especia india. Para levalo a cabo non é preciso contar cunha máquina de xeados, pero é certo que sen ela o proceso será algo máis longo e laborioso. Como preparar esta delicia?
Ingredientes
- 150 g de chocolate negro
- 12 bagas de cardamomo
- 300 ml de leite enteiro
- 300 ml de nata líquida
- 2 xemas de ovo
- 50 g de azucre glas
- 25 g de mel
- Un chisco de sal
Preparación
Sacamos as sementes do interior das bagas de cardamomo, desbotando as vaíñas e machucando ben as pebidas. Reservamos.
Poñemos a nata líquida no frigorífico para que arrefríe durante un par de horas. Despois montámola, e reservámola tamén na neveira ata o momento de usala.
Nun cazo, batemos as xemas de ovo xunto co azucre e o mel. Engadimos o leite e seguimos a bater ata que todo quede ben ligado. Poñemos o cazo ao fogo, ata que a mestura comeza a espesar. Engadimos un chisco de sal e o chocolate, previamente relado. Removemos ben ata que o chocolate se funde e agregamos as sementes de cardamomo trituradas. Deixamos que a mestura arrefeza, engadimos a nata montada e gardámola no frigorífico.
Unha vez fría, vertemos a mestura na máquina de xeados para que se faga o xeado ou, en caso de non ter, metemos a mestura no conxelador e, cada media hora, removemos para romper os cristais de xeo que se poidan formar. Repetiremos o proceso todas as veces necesarias para obter a textura fría e cremosa característica do xeado. Unha vez conseguida, convén deixalo no conxelador unhas 3 horas máis antes de servir.
Gustarache se…
-
- Es amante dos xeados e sempre estás disposto a probar novos sabores
- Gústache innovar e incorporar un toque exótico ou diferente ás sobremesas de sempre
- Queres aproveitar as vacacións para elaborar novas receitas para as que non tes tempo habitualmente noutras épocas do ano
- Adoitas volver acalorado da praia e con gana dun petisco fresco que che axude a combater a calor
- Tes invitados en casa e buscas un doce co que sorprendelos que resulte apetecible tras unha comida a grandes temperaturas
- Consideras o chocolate un dos grandes praceres da gastronomía, e en verán prefires tomalo en versión xélida
- Queres darche un capricho sen ter que recorrer a opcións pouco saudables como os xeados industriais
Animámosche a que probes esta riquísima receita coa que refrescar e adozar calquera día do verán. Foi realizada pola estilista gastronómica Beatriz Rodríguez, en cuxo blog ToBeGourmet poderás atopar moitas outras larpeiradas exquisitas.