Unha cociña aberta na que gozar da fin de semana
Esta vivenda, situada nunha contorna privilexiada e con vistas ao mar, é a segunda residencia dun matrimonio de mediana idade. Un lugar ao que acudir cada fin de semana para desconectar, pasear cos cans, e recibir visitas dos seus familiares e amigos. Por iso para eles era fundamental que a cociña fose ampla e cómoda, un espazo no que se puidera preparar a cea para moita xente e pasalo ben en compañía.
A COCIÑA | |
---|---|
Ano do proxecto | 2020 |
Deseño | Santiago Interiores |
Distribución | Con illa |
Dimensións | 16 m2 |
Mobiliario | Santos, modelo FINE |
Acabado | Branco Seff |
Tirador | Sen tirador |
Mesado | Dekton Entzo de Silestone |
A VIVENDA | |
---|---|
Tipoloxía | Unifamiliar |
Dimensións | 300 m2 útiles de vivenda e 53 m2 de garaxe. De 398 m2 construídos |
Localización | Ribeira |
Arquitectura | Nela Prieto Méndez |
Decoración | --- |
Estilismo | Sonsoles Cabana e Paula Ferreira |
Fotografía |
A planta baixa acolle unha zona de día aberta e diáfana, formada por cociña, comedor e salón. Trátase dunha estancia con numerosas fiestras que permiten a entrada da luz en practicamente calquera momento do día. A luminosidade natural do ambiente refórzase cunha paleta cromática con predominio de tons claros como o branco ou o crema, con puntuais notas de madeira que aportan equilibrio e calidez.
O interiorismo austero e contido favorece a liberdade de movementos e a interacción entre os usuarios. Así, é posible cociñar mentres se está a leriar cos invitados, alargar a sobremesa vendo o neto xogar no salón, ou recoller comodamente cando xa termina a xuntanza.
Branca e madeira, unha combinación cálida e luminosa
Na cociña atopamos a mesma gama de cores que no resto da zona de día. Optamos por un mobiliario de liñas puras e sinxelas en acabado Branco Seff. As frontes lisas e sen tirador do modelo FINE non só aportan beleza e discreción, senón que ademais facilitan a fusión dos mobles coa arquitectura da vivenda, algo esencial en espazos abertos.
Os mobles brancos combínanse cunha barra, un panel parede e un panel con baldas en Olmo Claro, o que contribúe a crear un ambiente máis cálido e acolledor, no que a área de traballo se converte nun lugar tan confortable como o salón.
Máximas prestacións para traballar, almacenar e gozar
Organizamos a cociña en forma de U arredor dunha illa central. Esta conta cunha ampla superficie de mesado destinada na súa totalidade á preparación dos pratos. Ademais, ofrece abundante espazo de almacenamento grazas a dous módulos con caixóns na parte interna e dous baixos de servizo na externa.
A ela anéxase unha mesa con dous tallos, onde o matrimonio pode reunirse para almorzar ou tomar un petisco sen necesidade de cambiar de estancia, contemplando a marabillosa paisaxe que rodea a casa.
En paralelo á illa, un lineal de mobles baixos acolle a área de lavado, estratexicamente situada baixo unha fiestra para poder fregar gozando das vistas. Inclúe un lavalouza integrado, un moble portavertedoiro e tres baixos de servizo. A continuación dispuxemos o frigorífico e o conxelador.
Á esquerda, un armario columna integra forno e microondas, xunto a unha composición de mobles altos e baixos onde se sitúa a área de cocción.
Por último, á dereita, dous mobles baixos funcionan a modo de aparador, servindo de transición entre a cociña e o resto da zona de día. Enriba, un panel con baldas ofrece espazo para exhibir a vaixela ou pequenos artigos de decoración. Conta ademais cunha zona adicional de traballo, moi útil para preparar o almorzo e empregar pequenos electrodomésticos, grazas ao perfil de iluminación LED con tomas de corrente.
Con esta planificación logramos crear un ambiente cómodo, práctico, totalmente equipado e que cumpre cos requisitos dos propietarios, que poden compartir tarefas e momentos de ocio nunha cociña deseñada á súa medida.
Outros datos de interese
ELECTRODOMÉSTICOS | |
---|---|
Bosch | Lavalouza, forno, microondas, placa de cocción, frigorífico e conxelador |
Pando | Campá |
Inspírate con máis proxectos
Queres facer realidade a cociña dos teus soños?
Visita a nosa tenda en Santiago de Compostela e amosarémosche as múltiples opcións de configuración e personalización das cociñas Santos. Concerta unha cita previa para que poidamos atenderche sen esperas e axudarche a crear a cociña dos teus soños.