Un acolledor dúplex con cociña aberta
Os propietarios deste luminoso dúplex, unha parella nova que gusta dunha vida moi caseira e familiar, buscaban espazos abertos e diáfanos nos que gozar do seu día a día. O deseño da cociña, sobrio e elegante, contribúe a lograr este obxectivo ao fusionarse de xeito natural co interiorismo funcional e contemporáneo da vivenda.
A COCIÑA | |
---|---|
Ano do proxecto | 2020 |
Deseño | Santiago Interiores |
Distribución | Con illa |
Dimensións | 13 m2 |
Mobiliario | Santos, modelo FINE |
Acabado | Branco Perla |
Tirador | Sen tirador |
Mesado | Naturamia Calacatta Boheme |
A VIVENDA | |
---|---|
Tipoloxía | Dúplex |
Dimensións | 110 m2 |
Localización | A Estrada (Pontevedra) |
Arquitectura | --- |
Decoración | Myka Deco |
Estilismo | Sonsoles Cabana e Antonio González |
Fotografía |
Este dúplex é o resultado dun meticuloso proceso de reforma, no que, preservando a esencia da edificación orixinal, adaptouse ás necesidades e preferencias dos seus usuarios. Así, reorganizáronse os espazos interiores, reunindo na planta baixa as áreas públicas máis unha suite con vestiario. A planta alta, accesible a través dunha escaleira acaroada a unha das paredes laterais, destínase por completo a áreas privadas, incluíndo baños e dormitorios para nenos e invitados.
Ambientes totalmente conectados
Desde a porta principal da vivenda accédese directamente á zona de día, unha estancia ampla, totalmente aberta, na que non existen obstáculos visuais entre as distintas áreas. Iso facía fundamental que cociña, comedor e salón mantiveran a coherencia cunha mesma estética caracterizada, neste caso, por un equipamento mínimo, pero práctico e confortable. O uso dun único pavimento en toda a planta tamén axudou a xerar continuidade entre os tres ambientes.
A luminosidade natural do dúplex reforzouse cun interiorismo que prima as cores claras, combinadas con matices grises e negros de contraste. Os acabados de madeira tamén teñen moito protagonismo, aportando unha nota de calidez e equilibrio. O resultado é un espazo agradable e acolledor, que conta, ademais, cunha marcada personalidade propia.
A parella tivo claro desde o principio que, para a cociña, acudirían a Santiago Interiores. Ela foi usuaria dunha das nosas cociñas durante gran parte da súa vida, xa que a súa nai xa confiou en nós hai máis de 25 anos. Iso fixo que este proxecto tivera un compoñente sentimental especial, ao comprobar como o gusto polas nosas cociñas vai pasando de pais a fillos.
Ao tratarse dunha estancia aberta, buscouse un deseño sobrio e elegante, en consonancia co resto de ambientes da zona de día. Decantámonos por un modelo FINE de liñas puras e frontes lisas sen tirador, moi acorde co estilo actual da vivenda. Ademais, o acabado Branco Perla contribúe a salientar a abundante luz natural que entra polas múltiples fiestras.
Funcionalidade e confort
Querían, ademais, unha cociña que fose, ante todo, práctica, cómoda e ben organizada. É dicir, un lugar no que as tarefas cotiás se volveran máis sinxelas e agradables, pero sen esquecer o compoñente estético, tan importante nas cociñas abertas.
Para logralo, o mobiliario organizouse en paralelo, cun lineal de mobles altos, baixos e columnas, e unha península que funciona tamén como fronteira natural entre a zona de traballo e o comedor.
A península reúne as zonas de preparación e fregado. Na súa cara interior, integra lavalouza e forno, un módulo de servizo e un portavertedoiro con caldeiros de reciclaxe. A cara exterior, pola súa parte, inclúe tres módulos adicionais de servizo e unha viñoteca.
Anexo a un dos laterais da península dispuxemos unha táboa Santos con tallos, que funciona como barra para almorzos e petiscos. Trátase dun elemento que nos pediu expresamente a propietaria, ao lembrar como, na cociña da súa nai, a vida sempre xirou arredor dunha barra similar.
Como diciamos, trala península está situado o comedor, un espazo sinxelo no que atopamos unicamente unha mesa redonda con catro cadeiras. A súa posición tan próxima á cociña facilita o servizo e a retirada de pratos.
En paralelo, continuando o tabique da sala de estar, situamos un lineal de mobiliario que combina armarios columna, baixos e altos. Na parte central colocamos a área de cocción, cunha placa de indución e dous amplos módulos portaplaca. A zona alta equipámola con catro armarios de servizo, dous deles destinados a acoller o grupo filtrante. O panel parede da zona intermedia deseñámolo no mesmo acabado da barra, creando así un diálogo entre ámbolos dous elementos.
O mobiliario complétase con senllas columnas, situadas nos extremos, que integran un frigorífico combi, un microondas e opcións extra de almacenamento.
Con esta proxección logramos dar resposta ás necesidades dos usuarios. Así, trátase dunha cociña práctica e con abundante espazo de almacenamento na que a disposición dos mobles minimiza a necesidade de desprazamentos á hora de cociñar, e onde varias persoas poden compartir tarefas sen molestarse. En definitiva, unha estancia cómoda e funcional onde os labores cotiáns se converten en todo un pracer.
Outros datos de interese
ELECTRODOMÉSTICOS | |
---|---|
Bosch | Lavalouza, forno, microondas e placa de cocción |
Whirpool | Frigorífico combi |
Pando | Grupo filtrante e viñoteca |
Inspírate con máis proxectos
Queres facer realidade a cociña dos teus soños?
Visita a nosa tenda en Santiago de Compostela e amosarémosche as múltiples opcións de configuración e personalización das cociñas Santos. Concerta unha cita previa para que poidamos atenderche sen esperas e axudarche a crear a cociña dos teus soños.