Unha cociña con península aberta ao comedor
En pleno centro de Santiago de Compostela, moi próximo á Alameda, sitúase este espazoso piso de 200 metros cadrados, xusto en fronte de un negocio no que traballa gran parte da familia. Por iso os propietarios, un matrimonio que vive co pai dela, buscaban espazos amplos, cómodos e cálidos, nos que acoller as frecuentes visitas familiares e improvisar reunións arredor da mesa.
A COCIÑA | |
---|---|
Ano do proxecto | 2021 |
Deseño | Santiago Interiores |
Distribución | Con península |
Dimensións | 34 m2 |
Mobiliario | Santos, modelo FINE |
Acabado | Branco Seff e Olmo Claro |
Tirador | Sen tirador |
Mesado | Silestone Eternal Calacatta Gold |
A VIVENDA | |
---|---|
Tipoloxía | Piso |
Dimensións | 200 m2 |
Localización | Santiago de Compostela |
Arquitectura | --- |
Decoración | --- |
Estilismo | Lucía Martínez e Paula Ferreira |
Fotografía |
Ambientes comunicados, pero claramente delimitados
Antes da reforma, a cociña e o comedor eran dúas estancias independentes. o comedor resultáballes mesmo incómodo e unicamente era empregado en Nadal ou eventos especiais. Tirando o tabique que separaba ámbalas dúas estancias conseguimos gañar amplitude e luminosidade. Ademais, ao integrar o office na propia cociña é moito máis práctico servir e recoller os pratos.
Unha península separa visualmente a zona de traballo do comedor, unha diferenciación que tamén vén marcada polo uso do pavimento: máis funcional na cociña, cun porcelánico gris cemento, e máis elegante e acolledor no comedor, cun laminado en acabado carballo.
A utilización da mesma gama cromática e a elección de mobiliario de liñas sinxelas contribúe a crear harmonía entre os ambientes. Así, o predominio da cor branca, presente en numerosos mobles, pero tamén en paredes, teitos, fiestras e portas realza a luminosidade natural da estancia, creando unha atmosfera limpa e diáfana. A presencia da madeira, pola súa parte, aporta calidez e confort, de aí o seu protagonismo na zona de comedor. Do mesmo xeito, o papel pintado sobre unha das paredes deste espazo tamén axuda a darlle un aspecto máis sofisticado.
Na península que separa visualmente cociña e comedor dispuxemos ademais unha barra que conecta ambas áreas. Acompáñase de dous tallos, o que permite almorzar ou improvisar un petisco, pero tamén converte á península nun versátil centro de reunión.
A distribución en paralelo da zona de traballo resulta práctica e cómoda
Situamos a península nunha posición central na estancia, acollendo as zonas de preparación, cocción e fregado. Na súa cara interior, dispón dun módulo portavertedoiro, un lavalouza integrado e un módulo portaplaca. Na externa, inclúe dous baixos de servizo e unha superficie voada de barra, baixo a que é posible situar os tallos.
Sobre a placa de cocción instalamos unha campá encaixada no teito que, polo seu deseño e acabado en cor branca, pasa desapercibida, contribuíndo a alixeirar o ambiente.
En paralelo á illa colocamos unha composición de armarios columna e mobles altos e baixos con zona de almorzos. Isto último foi unha petición expresa dos propietarios, que buscaban un área de traballo adicional na que situar e usar os pequenos electrodomésticos sen necesidade de desprazalos ata a península. Un perfil de iluminación LED fai aínda máis cómodo o traballo neste espazo, especialmente de noite.
O moble para almorzos está no centro da composición, flanqueado, dun lado, dun frigorífico integrado e, doutro, dunha columna portafornos e un armario de servizo. No recanto, aproveitando o orixinal ángulo da habitación, unhas portas acristaladas dan paso a unha despensa.
Doutro lado da península dispúxose unha gran mesa con capacidade para ata 8 comensais. O espazo de almacenamento complétase cun aparador que non só aporta funcionalidade, senón tamén un importante factor estético. A parte superior, acristalada en vidro afumado, serve para expor a vaixela e conta con iluminación interior, mentres que na parte inferior se poden gardar os utensilios que se prefire manter ocultos.
Con esta planificación lógrase minimizar os desprazamentos na zona de traballo e, ademais, o corredor libre arredor da península permite que varias persoas compartan tarefas sen estorbarse. Cociña e comedor fusiónanse conservando a súa propia personalidade e independencia, conformando un conxunto confortable, práctico e equilibrado.
Outros datos de interese
ELECTRODOMÉSTICOS | |
---|---|
Bosch | Microondas e placa de cocción |
Siemens | Forno |
Pando | Campá |
Inspírate con máis proxectos
Queres facer realidade a cociña dos teus soños?
Visita a nosa tenda en Santiago de Compostela e amosarémosche as múltiples opcións de configuración e personalización das cociñas Santos. Concerta unha cita previa para que poidamos atenderche sen esperas e axudarche a crear a cociña dos teus soños.