Como distribuír unha cociña alongada? As estancias estreitas son cada vez máis habituais en pisos e apartamentos, mais a súa forma angosta non ten por que ser un impedimento para crear un espazo práctico, cómodo e plenamente equipado. Para logralo, iso si, é fundamental saber como aproveitar cada metro cadrado, sobre todo se a cociña é pequena.
A distribución dos mobles xoga un papel clave neste sentido. Dispor o mobiliario en paralelo non adoita ser unha opción (e cando si o é, córrese o risco de provocar certo “efecto corredor” se non se alixeira algunha das frontes). O máis recomendable é elixir unha distribución en L, sacando partido do tabique máis longo da estancia, pero tamén da parede do fondo. Sen embargo, esta non é a única posibilidade.
Hoxe veremos algunhas solucións para cociñas alongadas e estreitas que contribuirán a xerar ambientes funcionais, pero tamén agradables e acolledores.
Distribuír cociñas pequenas alongadas para sacarlles o máximo proveito
Se a cociña ademais de estreita é pequena, a distribución en L vólvese practicamente indispensable. Pódese colocar a zona de almacenamento e electrodomésticos concentrada na parte máis afastada da fiestra e, xusto a continuación, dispor os mobles baixos e altos para aproveitar a entrada de luz natural.
Mesmo se pode probar unha distribución en U, pero con mobles de fondo reducido, como vemos na foto superior. Neste caso, ademais, a parede máis corta aproveitouse para poñer unha barra baixo a fiestra, un elemento lixeiro mais que aporta moitísima funcionalidade, tanto para tomar algo na propia cociña como para estender a superficie do mesado, algo que nunca vén mal en estancias de dimensións reducidas.
Por outra banda, hai que dicir que nas cociñas modernas pequenas e alongadas a iluminación resulta esencial para evitar una atmosfera claustrofóbica e recargada. Nese sentido, abrir a cociña ao resto da zona de día ou, como mínimo, empregar portas de vidro ou fiestras interiores, sempre será boa idea. Ademais, é mellor utilizar portas corredizas para que todo o espazo dentro da cociña sexa aproveitable.
Cociñas alongadas con illa: comodidade e funcionalidade
Os espazos alongados abertos ofrecen moitas máis posibilidades, especialmente se son amplos Na imaxe superior podemos ver como a illa, en lugar de empregarse para separar ambientes, adáptase á forma alongada da estancia situándose lonxitudinalmente. Lógrase así unha disposición en paralelo, pero moito máis lixeira, xa que a illa, ao estar conformada por un bloque de mobles baixos non obstaculiza a conexión visual nin a circulación da luz.
Cociñas alongadas con barra: creando unha zona office
Como diciamos, nas estancias angostas non adoita ser posible dispor o mobiliario en dúas frontes, xa que se debe deixar unha distancia mínima de 80 cm (e mellor se é de polo menos un metro) entre ambas. Sen embargo, unha barra, moito máis estreita, si pode ser unha opción para aproveitar o espazo dispoñible fronte ao lineal de mobles.
Cociñas alongadas dunha soa fronte con mobles de chan a teito
Un espazo moi alongado permite tamén, en moitas ocasións, colocar todo o equipamento necesario nun só frontal. Vémolo na fotografía anterior, na que un tabique da cabida a tres armarios columna e unha composición de mobles altos e baixos onde dispor as áreas de preparación, fregado e cocción. Nestes casos adóitase aproveitar toda a altura da parede con armarios que cheguen ata o teito.
Cociñas alongadas con península para unha distribución en paralelo
En ocasións, non é a estancia a que é alongada, senón a propia distribución. Así, unha península colocada fronte a un lineal de mobles creará ese efecto visual. Sen embargo, ao tratarse dun concepto aberto, o resultado é moi diferente. A atmosfera non se ve recargada, senón simplemente ben aproveitada, con mobles a ambos lados (o que permite maximizar a superficie de traballo e almacenamento) e, ao mesmo tempo, suficiente espazo para moverse libremente.
Cociña alongada aberta ao salón: ambientes conectados
Simplemente eliminando un tabique conséguese tamén un cambio radical no deseño de cociñas alongadas. A distribución dos mobles non varía, nin a capacidade da cociña, pero a sensación difire por completo, logrando unha atmosfera máis liviá e actual. No caso do proxecto que vemos enriba, ademais, eliminar esa parede permitiu acaroar ao mobiliario unha mesa de comedor, creando un área office de transición entre cociña e salón.
Amoblar unha cociña estreita e alongada: máis ideas para equilibrar o espazo
Máis alá da distribución, hai outras recomendacións que se deben ter en conta cando se amobla unha cociña estreita e alongada.
Así, é boa idea dar prioridade a cores claras como a branca, especialmente se a estancia é escura. En caso de preferir combinar varias cores, pódese usar a máis intensa nos mobles baixos e deixar a branca para os altos. Ademais, é aconsellable que os mobles altos non cheguen ata o teito para dar “aire” na habitación. De feito, ata pode ser interesante prescindir deses módulos en parte da cociña, ou substituílos por baldas abertas.
Integrar os electrodomésticos tamén pode ser clave para lograr unha imaxe máis limpa e harmónica.
Está claro que amoblar unha cociña alongada e estreita é todo un reto, pero unha distribución axeitada pode contribuír a lograr unha zona de traballo cómoda e confortable. Se buscas ideas para a túa, non dubides en contactar co noso equipo de interioristas. Estaremos encantados de axudarte e crear un proxecto á medida dos teus gustos e necesidades.